21 de maio de 2014

Tempada 2013 - 2014: Despedida e peche.

Imaxen do derradeiro partido de da liga 2013-2014 no vello Balaídos.
Botamos o telón da liga unha tempada máis, e xa van sete, dende o fondo da Ría. Como xa vos teño dito, esta tempada 2013-2014 foi unha tempada para lembrar, tanto no deportivo coma no social ou peñístico. 
Un Celta que foi de menos a máis e que un ano despóis dunha milagreira e excitante permanencia consolídase na primeira división do fútbol nacional. 


Unha tempada onde o vello Balaídos viviu menos victorias das agardadas e a permanencia cimentouse máis fora que na propia casa, con bo xogo do noso equipo e cun teito histórico tanto en número de socios coma en número de espectadores asistentes a cada encontro.

Unha das elaboradisimas ilustracións de Pablo Rosendo.
Pola parte que ten que ver coa vida interior, coa nosa vida coma peña, foi un ano moi especial. Dende xullo a maio a actividade foi incesante en Centolos Celestes, e serviu para unir e integrar a peña a redor dunha idea clave, pasalo ben ó carón do Real Clube Celta de Vigo. 

E abofé que o conseguimos, xa que a xulgar pola imaxes que resumen esta tempada, cada partido, fose victoria ou derrota estivo acompañado por algo máis, por algo diferente que o fixo mellor, a vosa actitude, as vosas gañas de disfrutar cada encontro, a vosa entrega diaria, a vosa maneira de entender Centolos Celestes. Este ano o obxetivo era ese, a unión e o disfrute de todos, iso sí, sen afastarse da seriedade administrativa que caracterizou a esta peña dende o se inicio. 

As camisolas de 1923 e 1924.
Continuamos coa defensa dun estadio novo para o Celta, acorde coas necesidades actuais e, sobre todo, que sexa seguro para todos nós. Acudimos ó Concello de Vigo e presentamos un escrito na Xerencia de Urbanismo que foi un exemplo de actuación para todos os que fixeron o mesmo posteriormente. Cando se trata da seguridade dos nosos fumos contuntentes, e o seguiremos sendo.

No verán o Celta cumpría 90 anos e tras o desprazamento a Oporto decidimos celebralo por todo o alto, facendo unha representación teatral entre os membros da peña para escenificar aqueles días de 1923 onde se fundou, pola fusión do Vigo Sporting e do Fortuna, o Real Club Celta de Vigo. D. Manuel Bárcena de Andrés, Manuel de Castro "Handicap" e moitos afeccioados estiveron presentes no café "Años Veinte" nunha xornada onde se presentaron as camisolas do aniversario, dúas réplicas das que vestiron o primeiro (1923) e o segundo plantel (1924) do Real Club Celta de Vigo.

Estas camisolas foron, e siguen sendo, un éxito de vendas e xunto co resto do material constituiron unha base económica moi importante para afrontar toda a tempada. Cuarta edición, cuarta tirada xa dende setembro. 

As sudadeiras esgotáronse e tivemos que facer un novo pedido, que se continúa vendendo a bo ritmo. As bufandas, a roupa interior, os polos e, coma non, as saias Centolas. Esta tempada o ritmo de vendas do noso material foi frenético, pero o máis satisfactorio foi ver que o seu uso tamén foi habitual entre todos os que formamos esta peña.

Recuperamos as viaxes, e tanto San Sebastián como Pamplona foron dúas grandes experiencias viaxeiras, en diferentes épocas e con diferentes resultados pero preciosos viaxes ambos. A forma de viaxar Centola, buses festeiros e previas en interacción coa afección local, sigue sendo algo do que sentirse moi orgulloso. O Celta nunca camiñará só.

De festa polas rúas de Pamplona.
Fixemos deporte, xogamos ó fútbol. Dende o memorial Jaime vilar Estévez de Baiona ata o Campionato da Federación de Peñas pasando pola primeira pachanga Centola o fútbol tamén estivo presente na vida da peña dende o comezo da tempada. Iso sí, a cada pachanga, un xantar, unha papada e coma non, unha festa.

Porque ese foi outro dos elementos destacados este ano, os xantares e as xuntanzas. Sanatorio do Alba, Outeiro, Novo París e Serodio comandaron os 11 xantares que se organizaron este ano e que constituiron un record histórico en Centolos Celestes.

Como cada ano, fixemos lotería e carnets, que este ano foron deseñados por vós, estreamos unha nova pancarta e un ano máis agasallamos ós novos pais e nais da peña. Esta tempada, as seccións "Master" e "Morrazo" acapararon os nacementos na peña nun ano con moita, moitísima vida. 

Non podemos esquecernos de que, por fin, inauguramos a sección en Valga, cun xantar cos nosos amigos do norte da provincia. Un feito que nos enche de ledicia.
Reconquistamos a vila de Vigo, percorrendo as rúas do casco vello e as que separaba éste do vello Balaídos, camiñando a golpe de gaita, bombo e caixa por unha vitoria que pechara a salvación do noso equipo. Noutra ocasión tiveron que botarnos das bancadas, unha xornada na que quedamos sós empurrando dende a bancada de Marcador. 

Centolos nun recibimento desta tempada.
 Chegou a celebración do noso séptimo aniversario, abraiados pola velocidade coa que pasa o tempo, e demostrámonos co mundial de peñas de #BalaídosUniversal que somos capaces de movilizarnos coma ninguén, e que tamén se pode gañar unha tanda de penaltis en saias diante de todo Balaídos.

En fin, unha tempada moi grande, que rematamos en festa, gañando ó Real Madrid e clasificados coma os novenos da primeira división española. Repasando o escrito e lembrando todo o vivido dende agosto ata maio, só podemos agradecervos a todos a vosa actitude, as vosas gañas e a vosa forza Celtista. 

Agradecervos dende a axuda na organización dos xantares, os actores do teatrillo, os buses e ata os que cada partido, berrades dende a curva, subides pancartas, colledes bandeiras, axudades co alugueiro de carnets, vestides moda centola, ou simplemente estades ahí, connosco. 

A todos vós, grazas! Grazas por esta tempada, que foi a vosa tempada, e que se convertiu no mellor ano da historia de Centolos Celestes.

Mozos e mozas, voltamos ó fondo da Ría ata finais de agosto. Disfrutade do verán.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.