21 de mar. de 2015

Centolos Celestes, primeiros do grupo E da primeira fase do Torneo de Peñas 2015

Os 16 batalladores da Primeira Fase
Este venres 20 de marzo era a data fixada para a disputa da primeira fase do tradicional torneo de peñas do Celta. Normalmente tense xogado o 12 de outubro ou o 6 de decembro, pero desta volta o día elixido foi o, este ano, festivo do recibimiento primaveral.

Vintetrés peñas "atrevidas" para disputar a honra de ser a mellor da tempada, nunha fase previa onde pasarían os primeiros e os segundos de cada un dos seis grupos e os catro mellores terceiros -duplicábase a cifra de clasificados para a gran fase final a xogarse o 1 de maio-. O equipo amarelo quedou encadrado no grupo E, con sede no campo do Chapela, para enfrontarse ós compañeiros das peñas Hugo Mallo, A Ría e Colectivo Nós (debutantes estes derradeiros nun envite desta índole).


A escadra centola, acudía ó alto campo do Monte Vixiador, con algunhas ausencias pola carga de eventos na presente fin de semana e outras tantas por temas burocráticos de inscripcións e listados coa Federación de Peñas. Poñemos a man no fogo sen problemas, xa que todo participante centolo estaba en situación apta para a disputa do primer "anaco" de Torneo. Miguel Lorenzo, repetiría co brazal centolo (como no Penedo da Moo no pasado decembro de 2013) e Ángel Correa, que finalmente non poido participar, levaría as rendas dos amarelos con moito tino (gran estrea no posto, estás para outra), coa inestimable axuda do activo Iago Trajeta, caído da lista centola o día anterior por un desafortunado percance laboral.

Tocaba madrugar e ante o rival máis potente, os integrantes do combinado de Hugo Mallo. Equipo xove e moi rápido nas liñas ofensivas. Cedo abrimos a lata cun balón colgado polo cerebro do equipo, Toni Pires a Yago Prieto que batía de tiro cruzado ó cancerbeiro de Hugo Mallo. Poido variar o tanteo antes do descanso, pero unha intervención do gardamallas de cada bando evitouno.  Nada máis arrincar a segunda metade, o omnipresente Mario Ministro empalmaba un tiro dende case a frontal da área que puña o 2-0. Pouco durou o respiro centolo, xa que na seguinte xogada acurtaban distancias os vermellos cunha sutil vaselina, tras unha rápida incursión dun rival á que non chega a cortar a defensa e a tardía e dubitativa saída do meta centolo. Tivo as súas ocasións de empatar Hugo Mallo, esbozando perigo constantemente con balóns colgados ó marco centolo, pero non entrou o esférico. Media clasificación no peto para os amarelos con ese axustado 2-1.

Gran lecer posterior, xa que tocaba presenciar o dobre partido do Colectivo Nós, con tan só dez efectivos e mencionada dobre ración de xogo continua. Era previsible, que a pesares da resistencia ofrecida ante A Ría (que combinaba xuventude con veteranía) 4-2, ante os descansados de Hugo Mallo e visto o destacable anteriormente, aveciñábase un resultado menos igualado. Ó final 7-1 a favor dos rapaces de Hugo Mallo.

Cuarto encontro da fase, ante o combinado de A Ría. Xa estaba o corpo entumecido de tanto repouso (principalmente pola escadra amarela) e iso quizáis se notou na baixa intensidade coa que se comezou o encontro. A piques de adiantarse os de A Ría, cun bo disparo dende a frontal, que foi desviado a córner cunha oportuna intervención. Minutos despois, falta escorada á dereita da área do veterán porteiro do equipo blanquivermello. Idónea para un diestro coma Toni Pires, pero o encargado da súa execución foi Isma Chamorro, que puxo o balón na escadra do pau corto. Señor gol e o de máis bella factura para servidor onte a mañá en Chapela. Con esa gran noticia para os nosos intereses chegamos ó intermedio. Voltamos durmidos ó terreo de xogo tralo descanso e nunha perda de balón case empatan os de A Ría. Non perdoaron na seguinte incursión, cunha defensa superada o disparo cólase na rede centola, ante un porteiro que poido facer máis por evitar o gol, ó non ires ó chan para deter o disparo. Os 3 puntos podían cair do lado de calqueira, pero os centolos non andiveron atinados de cara a porta nos numerosos achegamentos.

Interesante quinto partido da mañá entre Hugo Mallo e A Ría. Dous partidos consecutivos para A Ría e cun rival superior en fronte. No tramo intermedio andaba igualado o encontro, pero finalmente acabáronse impoñendo os de Hugo Mallo por un xusto 3-1.

Para despedir a fase, tocaba un apetecible encontro entre peñas veciñas no graderío de Marcador. Agora sí podía dispor de ter un once o Colectivo e mesmo un home no banco. Alertou o colexiado nun corpo a corpo na liña de banda entre o 2 dos amarelos e o 7 dos de negro cun textual "llevamos una mañana tranquila, no vayamos a estropearla en el último partido". Abriu a lata Ferro para Centolos cun preciso disparo de primeiras (nótase que o rapaz milita na Primeira Autonómica) tras outra asistencia de Toni. Remontou o Colectivo Nós cun doblete dun xogador bastante rápido que milita no Nigrán (fíome das miñas fontes). Ambas dianas, cravadas, desborde do seu par cunha mellor punta de velocidade e disparo cruzado ante o que nada poido facer o porteiro centolo. Co 1-2 para Nós chegábase ó medio tempo. Os mesmos iban arañando segundos no crono con perdas para manter a súa vantaxe. A clave do duelo estivo intres despois no cartón vermello ó 10 de Nós, tras enzarzarse cun central amarelo e pescarlle o colexiado un manotazo. Amago de tangana, pero a mediación instantánea dalgúns xogadores evitouno. Máis fácil se lle fixo dende entón ó equipo amarelo, que á saída dun córner puña de novo as táboas cun bo cabezazo do mariscal Prieto axustado ó pau. O partido tiña pinta de morrer cunha igualada, pero unha caída en área de Nós (a ollos de moito presente, un piscinazo), significou a pena máxima coa que Lito puxo o 3-2 para Centolos. Non houbo tempo para máis.

A clasificación final foi: Centolos Celestes, 7 puntos; Hugo Mallo, 6; A Ría, 4 e Colectivo Nós, 0. Os tres primeiros clasificados, inclusive A Ría, polo seu bo bagaxe de puntos ó concluir como un dos mellores terceiros.

Peña Hugo Mallo (formación no venres 20)

Colectivo Nós (formación no venres 20)

Tocaba un xantar posterior para celebrares a clasificación coma primeiros de grupo, cunha longa  sobremesa cargada de briol, risas e negocio das primas polo obxectivo acadado.

Escrito por Hugo Estévez Cividanes


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.