6 de maio de 2015

Centolos Celestes: Terceiros no Campionato da Federación de Peñas Celtistas 2015


Festa no vestiario amarelo tras pasar a semifinais.
O pasado venres 1 de maio, o equipo amarelo conseguiu o seu maior logro no prestixioso torneo da Federación de Peñas do Celta: o terceiro posto. É unha honra formar parte do pódium dos 24 "grupos oficiais de afeccionados" (por informalmente chamalos) que ano a ano danlle caché a esta desputa "oficial". 

Foi un longo e chuvioso día, atarefados a darlle patadas ó balón cun campo case impracticable e coa inagardable presenza da néboa do Monte Vixiador e da Madroa. Voltamos a repetir sede na segunda fase, o altío campo de Chapela. Ademáis, os dous rivais clasificados do noso grupo, as peñas Hugo Mallo e A Ría, foron tamén adversarios nesta rolda. Os cuartos en discordia foron os compañeiros de Le-chuzas Celestes, cun amigo e ex-centolo coma Javitxu na súa batuta institucional.

Precisamente, a "escadra" do de Cabral foi o noso primeiro escollo de cara á loita por acadar as semifinais. Non tocou madrugar; foron desta volta os rapaces de Hugo Mallo contra os experimentados pachangueiros de A Ría, os teloneiros. Gañaron os "pupilos" do lateral dereito celeste, cun gol a pouco do final, grazas a un saque de esquina ben botado e idénticamente rematado. Tocaba estrea, baixo unha intensa choiva e un céspede sintético totalmente asolagado nas bandas. Engadir que se estreaba tándem no banco, co presi Álex Costas e o vice Pablo Ruiz. Outra dupla de interinos que mellora estatísticas respecto ó noso particular Ferguson crustáceo, o monologuista e adestrador, Javi Vaz. ¡Vaite poñendo as alcalinas, peregrino!

Os temóns do equipo amarelo
Volvendo ó que nos atinxía, foi un partido desputado ante un combinado de toque, pero non de moito fondo (non todos precisan neverita no banco, para rechear "combustible"). Abriu o marcador, a nosa besta atacante, Iago Trajeta, cun testarazo a saque de curruncho. Voltaba á senda do gol, tralo seu festival ofensivo no indoor de setembro. Sen máis problemas chegouse ó tempo de lecer. O empate contemplábase na escura mañá, pero mediada a segunda metade o noso consolidado lateral dereito, Miguel "Radio Marca" Lorenzo, solta un zapatazo dende o vértice do área, que se cola entre as luvas do meta lechuzo. Así remataba o primeiro asalto, 2 a 0.

Tralo final, voltaba a xogar Lechuzas, diante dos de Hugo Mallo, con vitoria pola mínima dos primeiros, tamén nos últimos intres de xogo. Segundo envite amarelo, como hai mes e medio, ante A Ría, daquela houbera táboas (1-1). Desta, a pesares do incerto comenzo, o encontro rematou con goleada local (4-0). Ben e certo, que a cousa podía ser máis abultada se se aproveitasen tódalas oportunidades clariñas que tivemos. Atinaron coa súa particular diana, o incombustible carrileiro Lito Pallas, o killer Iago, o mariscal Prieto e o rapaz revelación, Pablo Rizos. A intensa néboa, privou a servidor de degustar tódolos tantos amarelos. Só quedan os exultantes ouvidos das celebracións na retina.
 

Centolos Celestes co lema "Pon unha mascota na túa peña"
Sen tempo, pra o descanso, chegaba o crucial choque ante Hugo Mallo. O empate servía para clasificarnos entre os catro mellores. Pero pra non arriscar, había que buscar unha vitoria. E así foi. Repetiu Lito de cabeza a saque de curruncho. Poido incrementarse a renda, pero os efectivos amarelos non estiveron atinados de cara a gol. 

Segunda fase impecable, con 9 puntos de 9 posibles. 7 tantos a favor e ningún en contra. Fala do bo traballo de todo o equipo, principalmente desa férrea e organizada defensa, que lle quitou moito choio ós dous gardarredes do equipo amarelo. Tamén citar a inesgotable adicación dos habilidosos homes do medio campo e dos carrís.

Xantar de balde na Madroa como mandan os cánones neste día, xunto ás peñas de Celtas do Verdugo, Ramallosa-Canido e Salceda; líderes dos restantes grupos. Xunto con esa afección desprazada, que tamén tivo que soportar esa meteoroloxía inclemencial. Mención especial, a Klepalov, que estivo a piques de facer un saque de honra, alomenos, xa que non quixo xogar.

Duro encontro de vida ou morte ante Celtas do Verdugo, como era de agardar. Moi bos xogadores en fronte. Gol anulado a prol nosa na primeira metade (quedamos tranquilos porque foi ben sinalado).  Na segunda metade, caería o único gol do encontro. Para a nosa desgraza, no noso marco. Sería o central do equipo contrario cos tacos das botas e esquinándoia polo único oco que había entre centrais e porteiro. A baixada da néboa foi a nosa perdición, que derrocou calquer intento de remontada. Botémoslle parte da culpa ó xantar, sí, que nos amilanou un pouco. Na outra semifinal, o resultado foi 3-1. Ca ausencia de terceiro e cuarto posto, co criterio do resultado de dito eliminatorio, subímonos ó derradeiro caixón do pódio.

Os nosos verdugos, valla a redundancia, proclamáronse campións do torneo, ó derrotar tamén pola mínima á peña veciña de Denis Suárez.

Por Hugo Estévez Cividanes

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.