14 de out. de 2018

Centolos Celestes, na Fase Final do XXII torneo da FdP

Centolos Celestes, certifica a súa presenza por quinta edición consecutiva na Fase Final do Torneo das Peñas do Celta, que se desputará no vindeiro 1 de maio de 2019. Non dispensan dun mes das flores dende que no Penedo da Moo en 2013, a extinta Lío en Río e Irmandiños, derrotáronos pola mínima e botáronos do pachangueo celtista ás primeiras de cambio.
Guerreiros amarelos da mañá do pasado venres
Non foi doado, coa bagaxe de vitoria, derrota, empate, na mañá diste 12 de outono dende a perspectiva da cantina de Candeán. Tivo moito suspense e descoñecemento por parte do groso do combinado amarelo -máis que nada, estraña ignorancia xeral das regras de desempate-. O conto semellaba ó fin do fraguismo en 2005, cando o bipartito socionacionalista chegou ó bastón de mando da Xunta, catapultado polo voto emigrante. Pois isto aconteceu nunha das metades do campo de Candeán, xa que o resultado directo entre Centolos e Ramallosa-Canido (1-0 en prol dos "crustáceos"), obrigaba a gañar ós segundos, ós xa clasificados no seu derradeiro encontro, Celtas do Verdugo. 

Preferencia Celeste, uns dos integrantes do grupo B (vía @PrefCeleste)
Comezou a mañá cun exercicio de "mohamecismo" por parte dos de Marcador, 1-0 cun único tiro a porta, ante un dos combinados que participaron na primeira fase de Ramallosa-Canido. No segundo, derrota por 6-3 ante a sempre potente Celtas do Verdugo -ó cal Centolos nunca dobregou-, que viñan de golear a Preferencia Celeste por 5-0. Frouxa despedida fronte a Preferencia Celeste -que viña de encaixar 11 goles nos seus 2 primeiros envites- e igualada a 2 tantos. Todo pasaba por unha vitoria de Celtas do Verdugo, que cedo comezou perdendo por 0-2, ata que servidor e compañía abandoaron o escenario da mañá, chegando novas, horas despois, de 3-3 ante Ramallosa-Canido.

Celtas do Verdugo, o sempre "verdugo" centolo (vía @CeltasdoVerdugo)
E así foi unha mañá de "colegueo" celtista, co fútbol como excusa, "magoada" cunha meteoroloxía un tanto adversa, pero que congregou a tódolos participantes nese punto do alto vigués. Unha idea, ogallá a repetir en vindeiras ocasións, esa do emprazamento único. Parabéns xerais a todos os clasificados para a rolda definitiva da edición XXII do torneo e particulares ós compañeiros de bancada da Peña Natxo Insa, que desputarán por primeira vez a Fase Final do torneo.



O vindeiro venres 19, un novo capítulo, na volta ó cotiá, no encontro ligueiro perante o Alavés, quén sabe se coa obrigada perda de identidade tras once anos. Caralladas do malnacido balompé moderno.

Por Hugo Estévez

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.