7 de maio de 2019

Cuartos no torneo da FdP, paparota peñista e vitoria perante o Barça

Comezou cargado o mes de maio para o celtismo en xeral e para a centolada en particular, nestes primeiros catro días do mes das flores. Vontade de samba no prado de Guizán o mércores pola mañá, apisonadora zoqueira na Madroa nesa mesma tarde. E o pasado sábado, Convención da FdP e vitoria determinante fronte o campión de Liga.


Combinado amarelo da Fase Final 18-19
Doce valentes deron o visto bo pra participar na liguiña de grupos da Fase Final (foto superior), que se iniciaba para os combatentes amarelos na alfombra do campo de fútbol de Santiaguiño, sito na parroquia mosense de Guizán. Arrincaba a mañá coa neveira cargada de cervexa sobrante da viaxe a Pucela e coa obriga de gañar no primeiro envite fronte ós compañeiros de Terra Celeste, que noquearon no primeiro xogo da solleira mañá ós rapaces de Caldeirada Sideral por 4-2.

E o combinado crustáceo, cumpriu co cometido -remontada incluida dun 1-2-, tras adiantarse tamén no marcador e igualar o tanteo do encontro precedente entre os outros 2 participantes do grupo (4-2). Medio choio estaba feito, só restaba por acadar un punto fronte á nova agrupación federada a finais de 2016. E tal como dixo o noso CM na conta de Twitter, o abultado marcador final (10-5, á nosa prol), reflicte un engadido no transcurso do mesmo "Os porteiros acordaron quedar na cantina e botar uns futbolíns". Abafante calor, que pesou nas pernas e na cachola dos afoutos xogadores de ambos bandos.
Compartindo mesa desta volta con Le-Chuzas e os de Iago Aspas

Obxectivo cumprido, os nosos daban boa conta da paparota de balde habitual nun coñecido establecemento da parroquia olívica de Candeán. E como sempre, o de sempre... e iso fixo estragos nalgún que foi pacer e sestear no rectángulo de xogo dun dos tapetes da Madroa. Enfronte, unha escadra que habitúa a desputar estas lides, con moito home de rutina balompédica nas súas pernas e indo a remolque dende os comezos, acabamos cedendo por un impoñente 4-10 e dando por rematada a nosa xornada de convivencia cos peñistas participantes nesta cita anual.

Acto seguido, revalidaban entorchado os amigos de Boinas Celestes, que superaron noutro encontro cheo de ocasións e de dianas por 11-8 ós porriñeses de Zoqueiros. Segunda participación do colectivo nado en 2017 e pleno de victorias. Non se coñece mellor arranque.

Cambiando de terzo e trocando fútbol de afeccionados polo profesional, chegamos ó mediodía deste pasado sábado, na que no Hotel Coia celebrouse a XXII Convención da Federación de Peñas Celtistas, na que Centolos Celestes abriu a recolleita de galardóns, por mor do cuarto posto acadado a media semana no torneo federativo. Asomaba unha boa xornada que se antollaba como letal no devir céltico de cara á vindeira tempada. 

Como reza un dos cánticos celtistas "un sábado de maio..." e coincidindo co segundo aniversario dunha data que se lembrará sempre como o comezo do "This is afouteza", na ida das semifinais contra o Manchester United de Mourinho e Pogba, outra gran tarde acontecería no vello Balaídos coa vitoria 2-0 contra un Barcelona que viña campión, ó que se lle fixo un singular corredor a xogadores de segunda ringleira do clube catalán. Custou, pero a porta de Rubén Blanco quedou sen perforar ante un equipo de gran calado e a exaltación, brotou ó remate do encontro no feudo olívico, cos xogadores locais voltando dos vestiarios para agradecer a enfervorizada afección. Previamente outro recibimiento polo Val do Fragoso quecía gorxas, a ritmo de cervexa e choripáns de balde na enésima man aberta do clube neste mes e medio. Os resultados do domingo foron dispares e fan que o Celta precise un derradeiro empurrón para seguir na elite do fútbol español. Quén sabe se chegará en San Mamés ou tocará agardar á visita do descendido Raio.

Por Hugo Estévez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.