14 de out. de 2017

Centolos Celestes, na Fase Final do Torneo de Peñas 2017/2018

Este pasado xoves 12 de outono, xogábase a primeira fase do torneo das peñas do Celta da presente tempada, na que o combinado amarelo acadou a súa cuarta participación consecutiva na Fase Final dos envites entre agrupacións celtistas. Non fallan á cita, dende que no Penedo da Moo en decembro de 2013, foran desbancados por Lío en Río e Irmandiños, con derrotas pola mínima ante os mesmos.

Combinado primeira fase, 2017-2018
O emprazamento dos encontros, foi como na precedente Fase Final matutina, no campo do Meixoeiro. Encadrados no grupo A, xunto con Merlegos, Celtabirras e Boinas Celestes -que desfrutaba da súa primeira cita deste calado-. Destacar que o bloque que se alzou coa coroa no pasado maio acodeu mermado, con case unha decena de notables baixas -imaxe do equipo, arriba, con alguna ausencia-.

O primeiro encontro foi unha igualada sen goles ante os Celtabirras, quénes foron mellores sobre o tapete e non levaron a vitoria de miragre, xa que no primeiro tempo estrelaron un balón lonxano no longueiro e minutos antes cruzaran sorprendentemente un balón fora, de empuxares a porta baleira. Acto seguido, Merlegos sería o rival batido por Boinas Celestes (3-0) e Celtabirras (6-2).

Chegaba a nosa segunda quenda, perante os rapaces de Boinas Celestes, nun partido moi desputado na franxa central e sen ocasións de perigo en ningún dos dous marcos. Como non, outro 0-0 pro casilleiro. Púñase todo de cara para acadar a clasificación, xa que non se cedeu derrota ante os dous compricados do grupo. Só vencendo por máis de 4 goles se finalizaría primeiro, pero a pólvora tíñana mollada os amarelos dita mañá. Só os beizos collían idéntica sensación coa apócema centola -foto abaixo-. Vitoria sen apuros por 2-1.
Apócema centola

A nosa posición dependería do resultado entre Celtabirras e Boinas, cun claro pacto de non agresión entre eles, rematando co terceiro empate sen dianas da mañá. Os amarelos, mellores terceiros dos cinco grupos -empatados a 5 puntos con primeiro e segundo-, o que lles outorgaba o pase á fase final.

En resumo, custou xuntar ó persoal para comezar o camino da reválida é ó final entre lesións que foron aparecendo durante a mañá, trunfou a afouteza centola e os guerreiros que defenderon ó simbólico crustáceo, lograron que Javi Fonseca -cancerbeiro para a ocasión- só tivese que recoller o balón do fondo das mallas nunha só ocasión.

Noutra orde de cousas, mención especial a Mi Bendita Condena, outro colectivo de nova creación, que tivo unha pasaxe impoluta polo campo de Candeán, vencendo nos seus encontros, un deles ante os campións de 2015 e finalistas do 2016, os combativos Celtas do Verdugo.

Unha vez finiquitada a xornada deportiva, algún dos nosos acudiron a un establecemento da rúa Manuel de Castro, con outra peñas participantes na primeira fase, a degustar duns pinchos para desfrutar do fondo do evento, que é a convivencia entre celtistas. Organizada polos compañeiros de Natxo Insa, tamén tiveron presenza Merlegos, Irmandiños, Boinas Celestes, Le-Chuzas, Celtabirras.

Por Hugo Estévez Cividanes

2 de ago. de 2017

RENOVACIÓNS E ALTAS 2017-2018


Boas Centolada e futura centolada!! Comezamos a tempada 2017-2018. Si, esa. A que lembraremos sempre polo título que imos conseguir na Copa do Rei e por clasificarnos pra Champions; esa na que beberemos ata a última gota de auga da Praza de América; esa na que seguiremos escribindo con letras douradas a nosa historia.

Pero antes toca pasar por caixa, rapazada. Diso non vos escapades. A ver se credes que o ritmo de vida que leva a vosa directiva finánciase só. 

Mais non vos preocupedes, que tampouco é moito, e aínda ides ter cartos para convidar a uns vasos (chisco, chisco). Outro ano máis, e xa van moitos, mantemos as cotas de sempre!! Podedes velas na táboa que acompaña este texto.

Para renovar ou tramitar a alta, tedes dúas vías: abonar as cotas en efectivo nos días que vos sinalaremos; ou ingresalas na conta bancaria Centola (a de Suíza non, a de aquí) que vos pasaremos por mail ou por whatsapp.

Vaaaaale, que si, que tamén temos uns agasallos pra vós... As renovacións ou altas que se tramiten antes do día 20 de agosto levarán un lote de cervexas Centolas!!!! Nese lote vai incluída unha tirada limitada, edición Benny McCarthy!!! Ademais, os cativos terán unha sorpresa exclusiva para eles.

Aproveitade a burbulla inmobiliaria que temos no fondo da ría e mudádevos!! Vinde a gozar con nós do mellor fútbol, da mellor compañía e da mellor xente da historia!!

#FaiteCentol@
#CeltismoEnPositivo 

2 de maio de 2017

Centolos Celestes, campións do Torneo de Peñas do Celta 2017

Non hai mellor brinde dunha década de celtismo en positivo que auparse ó escalón máis alto da Champions das peñas do Celta. Dende o fondo da ría, con afouteza e remontadas, acadamos a paparota da FdP -coma de costume-, que era ó que se viña e se tal, a gañar.

Foto de campións
O camiño foi abreviado. Neste ano a novidade foi a repesca para rechear a fase final a 16 equipos coma ata 2015 -o ano pasado era máis sinxelo pasar ás semifinais, xa que só había dous grupos-. Os compañeiros de Preferencia Celeste e de Le-Chuzas, foron ós que tivemos que derrotar para acceder directamente á fase final.

A mesma foi adiantada, xa que o día previsto disputarase o adiado Celta-Real Madrid ligueiro. Xogamos nun grupo de 3, trala retirada do campión en 2015 e finalista en 2016 (Celtas do Verdugo), o cal, aumentou considerablemente as posibilidades de ir xantar á Madroa de balde, xa que era un oso duro de lidiar.

Outra estampa do glorioso día


Comezamos ante o combinado "virtual" Siareiros.net, un encontro moi parello nos seus primeiros intres, cun afortunado gol á nosa favor antes do tempo de lecer e logo o doblete de Noé serviu para chegar ó 4-1 e facer moi valioso o empate ante a Peña Celtista de Salceda, que dobregara a Siareiros por 3-0 no primeiro xogo da mañá.

Para pechar mañá no campo do Meixoeiro, enfronte os mentados celtistas de Salceda. Encontro a cara de can, no que nos fixeron correr bastante e que se adiantaron tras un saque de esquina discutido. Tocaba épica nos derradeiros 30 minutos e así foi co carreirón de Richi e co doblete do killer Trajeta. Tocaba xantar, recuperación corporal e a cargar as pilas de cara ó tramo final do torneo.

Na semifinal tocounos Lío En Río -quénes nos derrotaran no Penedo da Moo no 2013 cun gol de falta a toque de pitido final-. Rápido collemos vantaxe co 2-0 a cargo de Iago, co que se chegou ó tempo de lecer. Gol de estratexia dos "líos" mediada a segunda metade e a manter a ínfima renda, xa que non fomos quénes de sentenzar no epílogo da semifinal (2-1).

Agardabanos á peña de Ribadavia para desputar a final (eles superaran sen problemas a Curva Celeste no campo do Chapela previamente). Anecdótico que xa cos colexiados sobre o céspede e o rival, a escuadra amarela, xacía cos seus homes derreados polo artificial de Candeán, amenizando a espera cunha birra centola. Tocaba aliñar a míster Pablo ás carreiras e saiu a cousa satisfactoria. Outro 2-0 ó descanso e intercambio de golpes na segunda metade -outro doblete de Trajeta-, para gañar o torneo por 3-2.

Apócema centola
Mención especial, á apócema máxica centola  -imaxe superior-, degustada dende o pasado domingo na previa do Celta-Athletic. E que serviu para dar folgos ós componentes do combinado amarelo nesta longa xornada de celtismo en positivo e fútbol de salón.

Voltamos o xoves perante a gran cita ante o Manchester United con balbordo e colorido celeste dende primeira hora da tarde ata a madrugada do venres nos aledaños de Balaídos.

Por Hugo Estévez



29 de xan. de 2017

Outra noite pra lembranza

Este pasado mércores 25 de xaneiro, tiñamos un gran desafío a beiras do Lagares: eliminar ó campión europeo e mundial do torneo do KO. Para iso, tiñamos que tratar de non empeorar o fantástico tanteo acadado unha semana antes no coliseo madridista (1-2).
foto tralo histórico pase a semis

E para unha misión deste calado, como non un recibimento con bengaleo, quedando ás sete do serán para ir meneando as bandeirolas e repartindo os artefactos "pirotécnicos". Ateigando a rotonda Marcador-Tribuna de seareiros celestes, xa que o paso do autobús demorouse un cuarto de hora do previsto e cambiando o percorrido agardado -baixando pola rúa Val Miñor e bordeando o coliseo pola bancada de Río ata entrar pola saída da rúa Olímpicos-, como fronte o Sevilla nas semifinais da tempada pasada.
Bengaleo previo

2 de xan. de 2017

Nosos votos para o Manuel de Castro 2016

Vía Atlántico.net
68 soci@s da nosa peña formalizaron a súa valoración respecto ó popular "certame" anual Manuel de Castro (sexta edición), onde se vota cales foron os xogadores máis relevantes do noso Celta, durante o ano natural que remataba o sábado pasado. Vía whatsapp, os centolos foron mostrándose durante a véspera de Fin de Ano -seriedade nas estimacións, polo xeral-.

O gañador -de xeito abrumador- foi Iago Aspas (con case a metade dos puntos repartidos: 299), quén sucedía a  Fabián Orellana (194 puntos) -maior votado en 2015-. Secundado polo imprescindible e equilibrador Pablo Hernández (126 puntos). E na terceira posición, a revelación do presente curso, o serbio Radoja (55 puntos). Logo, en menor medida, foron puntuados: Wass (33), Güidetti (28), Orellana (26), Hugo Mallo (20), Cabral (11), Sergio (5), Jonny e Bongonda (3), Sergi Gómez (2) e Roncaglia (1).
www.yojugueenelcelta.com
Esmiuzando un pouco máis na sondaxe, o máis lembrado foi Iago Aspas, xa que recibiu puntos en 63 ocasións das 68 vertidas (otorgándolle o primeiro posto 56 dos 68 centolos participantes). O momento de dulce do moañés trasládase ás valoracións do afeccionado. Lembremos que o ano pasado, só 6 puntos levou, xa que contaba cun papel menos principal que no presente.

Falando de crecemento están a citada revelación serbia, quén pasa de 5 a 55 votos. Os nórdicos Wass e Güidetti ascenden ó cuarto e quinto posto respectivamente, rondando ambos a trintena de puntos e levando ámbolos dous o ano pasado un só. Tamén mellora Hugo Mallo, chegando ó sétimo posto.

E se imos ás "decepcións" poden estar Orellana e Jonny. O chileno de gañar hai un ano, reduce a súa puntuación sete veces. Bastante culpa teñen as sucesivas lesións que ven padecendo o xenio andino. No tocante ó  de Matamá, pesa moito o seu rendemento deportivo mermado nas derradeiras datas, o cal tamén se trasladou á baixa, pasando de 67 tantos a 3.

Se queredes seguir as noticias do premio e consultar o vencedor destrucción ano, tendes que visitar www.moiceleste.com, alí atoparedes tódala información relacionada.

Por Hugo Estévez