31 de mar. de 2019

A Nosa Reconquista. Eu Acredito.

30 de marzo de 2013. O inesquecible Natxo Insa abre a lata, fronte ó que viría sendo o futuro campión de Liga, no minuto 38. TelloMessi voltearían o tanteo. E o daquela capitán Borja Oubiña -50 minutos despois da diana do alacantino- axustaría un firme testarazo ó pau longo para obter un punto que na definitiva sería vital, e que facía de Balaídos un explosor de xúbilo. Logo virían 4 vitorias, 1 empate e 4 derrotas nas 9 finais restantes.

30 de marzo de 2019. Comezaría a xornada sabatina cunha degustación do típico choripán e outros praceres gastronómicos nas rúas do Vigo vello. Todo con azo de coller folgos para o que se aveciñaba no Val do Fragoso durante a calorosa tarde do derradeiro sábado marzal. Lanzadeiras de balde, cada moi pouco, para todo o celtista que se atopaba nos arredores da Laxe na festividade olívica. Capítulo intrínseco da viaxe cara o coliseo vigués e a que será unha lembranza como o talismán que foi Martín Camaño nunha terraza da contorna de Praza América, no paso dos primeiros autobuses da sobremesa, que tanto xogo deu nos grupos de Whatsapp da peña.

O héroe do celtismo (vía La Casa Del Fútbol)
O clásico recibimento ó equipo estaba programado para as 16,30 horas, pero como adoita ser habitual, a chegada dáse con hora e media de antelación ó asubío inicial do choque e preto das 17 horas aparecía o bus da expedición céltica no estadio municipal. Unha das mellores agardas da enfervorizada parroquia celeste dos últimos tempos, con charanga incluida, coma principal novidade.

Co traballo de arrufaxe feito, a pelota pasaba ó tellado dos xogadores, focalizado nun home vital, ó que lle caiu a primeira ovación da tarde, nada máis abandonar o autocar pra adentrarse no noso templo. Os seareiros celestes alentaron sen cesar nos prolegómenos do vida ou morte, sabedores do papel primordial que executaba o xogador número 12 (claro está que non incluimos a Wesley).

Todo semellaba finiquitado co 0-2 do Vilarreal ó cuarto de hora. Balaídos tinguíase dunha atmosfera lúgubre, con tímidos e illantes folgos e cánticos de forza ós seus, durante case tres cuartos de hora. Todo trocou co paso polos vestiarios e tralo lecer xurdiu o príncipe das bateas, cun libre directo con 12 homes na barreira en total, que non parecía que fose rematar nas mallas. Maxi Gómez acadaba a igualada cun bo servizo do debutante Olaza e Iago faría doblete coa pena máxima sinalada con suspense.

As mágoas da tensión prolongada (@AbrahamRomero)
No inicio do desconto sería sustituido por outro home importante na salvación do 2013, Gustavo Cabral, coa pertinente atronadora ovación do presente do coliseo vigués ó seu home franquicia e fundíndose en bágoas inconsolables no banco -imaxe superior-. Esas bagullas son as nosas, por este primeiro trimestre do ano insofrible no que a túa ausencia enviounos a unha posición na que como tí dis, non deberiamos de estar. 

Como nas grandes ocasións, o equipo respostou tanto dentro como fora do campo, voltando de vestiarios para agredecer ós seus de todo o esforzo da tarde e das dúas semanas previas para darlle colorido e un cheo a Balaídos, que foi chave no acadado, como primeira pedra do trabado camiño final.

¡SÍ SE PODE!

Por Hugo Estévez