Non hai mellor brinde dunha década de celtismo en positivo que auparse ó escalón máis alto da Champions das peñas do Celta. Dende o fondo da ría, con afouteza e remontadas, acadamos a paparota da FdP -coma de costume-, que era ó que se viña e se tal, a gañar.
Foto de campións |
O camiño foi abreviado. Neste ano a novidade foi a repesca para rechear a fase final a 16 equipos coma ata 2015 -o ano pasado era máis sinxelo pasar ás semifinais, xa que só había dous grupos-. Os compañeiros de Preferencia Celeste e de Le-Chuzas, foron ós que tivemos que derrotar para acceder directamente á fase final.
A mesma foi adiantada, xa que o día previsto disputarase o adiado Celta-Real Madrid ligueiro. Xogamos nun grupo de 3, trala retirada do campión en 2015 e finalista en 2016 (Celtas do Verdugo), o cal, aumentou considerablemente as posibilidades de ir xantar á Madroa de balde, xa que era un oso duro de lidiar.
Outra estampa do glorioso día |
Comezamos ante o combinado "virtual" Siareiros.net, un encontro moi parello nos seus primeiros intres, cun afortunado gol á nosa favor antes do tempo de lecer e logo o doblete de Noé serviu para chegar ó 4-1 e facer moi valioso o empate ante a Peña Celtista de Salceda, que dobregara a Siareiros por 3-0 no primeiro xogo da mañá.
Para pechar mañá no campo do Meixoeiro, enfronte os mentados celtistas de Salceda. Encontro a cara de can, no que nos fixeron correr bastante e que se adiantaron tras un saque de esquina discutido. Tocaba épica nos derradeiros 30 minutos e así foi co carreirón de Richi e co doblete do killer Trajeta. Tocaba xantar, recuperación corporal e a cargar as pilas de cara ó tramo final do torneo.
Na semifinal tocounos Lío En Río -quénes nos derrotaran no Penedo da Moo no 2013 cun gol de falta a toque de pitido final-. Rápido collemos vantaxe co 2-0 a cargo de Iago, co que se chegou ó tempo de lecer. Gol de estratexia dos "líos" mediada a segunda metade e a manter a ínfima renda, xa que non fomos quénes de sentenzar no epílogo da semifinal (2-1).
Agardabanos á peña de Ribadavia para desputar a final (eles superaran sen problemas a Curva Celeste no campo do Chapela previamente). Anecdótico que xa cos colexiados sobre o céspede e o rival, a escuadra amarela, xacía cos seus homes derreados polo artificial de Candeán, amenizando a espera cunha birra centola. Tocaba aliñar a míster Pablo ás carreiras e saiu a cousa satisfactoria. Outro 2-0 ó descanso e intercambio de golpes na segunda metade -outro doblete de Trajeta-, para gañar o torneo por 3-2.
Apócema centola |
Mención especial, á apócema máxica centola -imaxe superior-, degustada dende o pasado domingo na previa do Celta-Athletic. E que serviu para dar folgos ós componentes do combinado amarelo nesta longa xornada de celtismo en positivo e fútbol de salón.
Voltamos o xoves perante a gran cita ante o Manchester United con balbordo e colorido celeste dende primeira hora da tarde ata a madrugada do venres nos aledaños de Balaídos.
Por Hugo Estévez