10 de nov. de 2014

Merenda no Serodio e RC Celta de Vigo 0 - 0 Granada CF

Xornada especial a do pasado sábado día 8 de novembro para toda a familia Centola. Foi o día elexido para facer unha merendola e xuntanza lúdico-festiva de balde para os todos os membros de Centolos Celestes.

A boa saúde económica da peña, en boa parte grazas ó compromiso de todos os seus membros, fixo posible esta actividade, xunto con outras moitas que se van facer ó longo desta tempada.

A tarde, desapacible no meteorolóxico, foi collendo color e calor de cara ó encontro que xogaba ó RC Celta de Vigo ante o Granada de Joaquin Caparrós. Partido gris e que non puido rematar coa vitoria dos celestes, que loitaron ata o final, baixo a chuvia e ante o "autobús" que plantexou o equipo andaluz.

Na curva de Marcador non houbo tempo de lamentacións, nin ante o xogo nin ante a chuvia, berrar e animar ó noso Celta como única premisa entre o minuto un ata o noventa e un. Dende a bancada de Preferencia, Dani, o centoliño de A Guarda, fixo o propio, incansable coma sempre.

21 de out. de 2014

Athletic Club 1 - 1 Real Club Celta de Vigo. Viaxe a Bilbao

A Centolada, animando na bancada de San Mamés.
É por todos sabido o espíritu viaxeiro da afección celeste, boa coñecedora dos kilómetros de asfalto da península ibérica. Sempre fiel, sempre acompañando ó equipo vigués alí onde esté, sexa cal sexa o partido, a categoría ou a data do calendario,

Esta paisón viaxeira tivo o seu mellor lenzo a pasada fin de semana en Bilbao, cando máis de 1.200 seareiros vigueses acompañaron ó seu equipo en terras vascas, nunha xornada histórica de confraternización entre ambas afeccións.

Como non podía ser doutro xeito, Centolos Celestes estivo alí. A expedición crustácea partiu de madrugada dende o vello Balaídos.

A viaxe estivo chea de risas, cantos e bos momentos pero o paso das horas foi facendo o seu traballo e o cansanzo gañou a partida á feste xa entrando nas primeiras montañas do País Vasco.

O bus Centolo, cansos pero contentos.
O mediodía chegábamos a #BilboCeleste con gañas de festa, de facer unha boa previa e de xuntarnos con amigos celtistas e con estranos bilbainos. E así foi. Increible ambiente antes, durante e despois do encontro.

O resultado de empate a un fixo que a noite bizcaina fora unha mistura perfecta de celeste, branco e vermello. A resacosa e soleada mañá chegou, e con ela a fin desta bonita historia dun fin de semana. Como ben dixemos o sábado:

"Qué sería do fútbol sen xornadas coma esta"

2 de out. de 2014

R.C. Celta de Vigo 2 - 1 R.C.D. La Coruña. Galiza é Celtista.

A Centolada chea de ledicia coa vitoria do Celta. (Foto: @lavozdegalicia)
O derbi sempre é especial, e gañando do xeito como gañou o Celta gusta moitísimo máis. Este martes día 23 de setembrovivimos unha xornada diferente, chea de emocións a carón do partido máis agardado da tempada, o derbi galego, o RC Celta de Vigo - RCD La Coruña.

Desta volta en Centolos Celestes non organizamos xantar, novidade, xa que un martes co partido ás 22:00 horas poderíamos decir que era "pouco operativo" calquer evento de este tipo. Iso sí, tivemos unha boa previa de tres horiñas no noso local de cabeceira, a cafetería Tribuna.

Os partidos de máxima rivalidade son tensos no campo, pero tamén na bancada, polo que ademáis de tratar de apretarnos máis nun Marcador ateigado, non fixemos nada máis especial que subir a xa tradicional pancarta de "Galiza é Celtista".

Alivio tralo penalti errado. (Imaxe: Cuatro TV)
Esa ansiedade durou pouco, concretamente ate o minuto 3, cando Nolito fixo o primeiro gol. A primeira parte que xogou o equipo do Toto Berizzo foi brillante pero o arranque da segunda foi algo máis dubitativo e chegou o empate blanquiazul. Coa proximidade do final do encontro o delirio encheu o vello Balaídos da man dun tremendo testarazo de Joaquin Larrivey.

Pero non remataron ahí as emocións, xa que ó final do encontro, unha man na area viguesa foi castigada coa máxima pena, e de súpeto, o lanzamento convertiu a Sergio, o gato de Catoira, no eterno protagonista daquel Celta-Depor da 2014/2015. Gran xornada entre amigos centolos e doutras peñas, cunha conclusión final:
Galiza é Celtista !!!

Club Atlético de Madrid 2 - 2 Real Club Celta de Vigo.

Expedición Centola no Calderón.
Nunca é doado xogar ante o Club Atlético de Madrid no Vicente Calderón e o pasado sábado día 20 de setembro puidemos comprobalo. Iso sí, desta volta o Celta apañou un  máis que meritorio punto nun feudo que últimamente resulta inexpugnable para os visitantes.O empate final 2 - 2 fixo xustiza ó visto sobre o terreo de xogo.

Un partido que, a pesares do sufrimento celeste dos derradeiros minutos, pasará á historia polo espectacular gol de tacón-espuela de Pedro Pablo Hernández, o "Tucu" que deixou abraiados a todos. Para este partido houbo un moi interesante desprazamento de afección viuesa a Madrid, que se uniu ós celtistas residentes na capital. No caso particular de Centolos Celestes, un grupiño de oito "crustáceos" acompañaron ó noso Celta na meseta, e abofé que voltaron con moi boas sensacións.

14 de set. de 2014

RC Celta de Vigo 2 - 2 Real Sociedad. Tres vascos, un ruso e moita festa.

Segundo xantar da tempada no Serodio.
Non puido ser e a segunda vitoria da tempada esfumouse no derradeiro minuto do partido de onte fronte á Real Sociedade. Un partido vibrante e con un moi bo xogo do equipo celeste durante máis da metade do encontro. O desplome do Celta nos derradeiros minutos posibilitou o empate final por 2-2.

Se facemos unha lectura máis positiva, o caudal de xogo mostrado durante a primeira metade polo equipo de Eduardo Berizzo, foi moi esperanzador e augura que, mellorando o traballo defensivo, o Celta vai practicar un bo xogo esta tempada.

A xornada en Centolos Celestes comezóu alá polas 12:30 do mediodía coa xa típica sesión vermouth na terraza do Tribuna e a que cada vez únese máis xente. Foi o momento de coñecer á primeira sorpresa da xornada: "Sergio" Klepalov, un admirador de Alexander Mostovoi e namorado do Celta dende as lonxanas terras rusas.

Xa no Serodio, ademáis de darlle a benvida a este novo e lonxano membro de Centolos Celestes, aproveitamos para facer un intercambio de agasallos, onde "Sergio" deixounos a todos abraiados cunha biografía de Alexander Mostovoi, o gran ídolo do Celtismo chea de imáxes e anécdotas do ex-xogador do Celta.

A segunda sorpresa agradable da xornada foron os compañeiros da Real Sociedade cos que compartimos experiencias e historias de fútbol durante toda a xornada. Dende o xantar ata a noite.

Onte tamén contamos coa visita das boas xentes da Sección Valga de Centolos Celestes, que nos acompañaron dende a tarde e que disfrutaron do partido animando durante os 93 minutos do encontro.

A de onte, a pesar do empate do Celta, foi unha xornada para disfrutar e abraiarse do mundo do fútbol. Disfrutar historias tan diversas como as de Sergio, e de xentes tan alegres e festeiras como os colegas txuri-urdin cos que xantamos e mesmo compartimos bancada.


8 de set. de 2014

Centolos Celestes campións do 1º Torneo Celeste de Fútbol Indoor

O equipo amarelo festexando o triunfo.
Onte a Peña Celtista Centolos Celestes de Vigo escribiu unha páxina gloriosa no pequeno libro da súa particular intrahistoria.

Os amarelos convertéronse nos primeiros campións do Torneo Celeste de Fútbol Indoor organizado pola Federación Galega de Fútbol Indoor na escola Rosalía de Castro de Bembrive, en Vigo. O percorrido ata a vitoria final foi longo pola duración do torneo e duro pola calidad e a intensidade de xogo dos rivais.

Comezou a mañá cun encontro antes os compañeiros da Peña Preferencia Celeste B cunha vitoria por (5-3) pero que tivo un custe elevado para Centolos Celestes xa que o noso vicepresidente Pablo Ruíz e máis Brais Lestón lesionáronse. Cun só troco, os amarelos pagaron o desgaste físico.

Ambiente relaxado antes da gran final.
O segundo partido foi ante os amigos de Canteira Celeste, e se saldou cunha vitoria por (5-1) deixando ó equipo Centolo clasificado para a seguinte rolda.

O derradeiro encontro da primeira fase saldouse cunha derrota ante "Peladores Celestes" por (6-8), con ambos equipos xa clasificados. Neste momento tamén tivemos que lamentar a lesión de Bertiño.

As semifinais disputáronse cun triangular doble. No noso cruce tocounos xogar con dous peñas amigas e xa clásicas nestas lides. O primeiro encontro ante rapaces da Peña Irmandiños1923 foi un encontro apaisoante, con moitas alternativas no xogo e no marcador e que rematou cun empate (2-2). O segundo dos encontros de semifinais rematou cunha vitoria por (5-1) ante os mozos da Peña Comando Celta. Co empate e a victoria Centolos Celestes pasou á gran final de Bembrive.

Invasión de campo trala épica remontada.
A final foi contra Peladores Celestes, un equipo con moitísima calidade como xa demostraran na fase previa. O equipo amarelo comezou recibindo un severo correctivo de catro goles a cero. Tras repoñerse e lograr meterse no partido voltou a encaixar outro parcial de catro goles a cero, polo que a falta de escasos minutos o resultado era un (4-8) moi pouco esperanzador.

O que pasou despois é moi dificil de explicar. Pundonor, garra, empuxe e convicción fixeron que no derradeiro minuto do encontro os amarelos empatasen (9-9) logrando forzar os penaltis. Uns lanzamentos impecables, sen ningún erro, déronlle ós amarelos o triunfo final.

É de xustiza salientar a implicación e esforzo de todos os asistentes, tanto xogadores como afección. Pero tamén o corpo técnico e directiva, xa que as ausencias habituais foron cubertas dun xeito maxistral tanto por Pablo na dirección como por Miguel no aspecto técnico.

Dende as 10:30 ata as 22:30 horas nun domingo de setembro, o equipo amarelo de Centolos Celestes xogou 12 horas de fútbol indoor espectacular, sen dominar a priori este deporte e sen adestrar nunca xuntos.

Foi unha lección de pundonor, coraxe, loita e compromiso dos amarelos cristalizada na épica remontada da final. Unha afección fiel e un triunfo baseado na fe, o traballo e o corazón, son os materiais necesarios para construir o que chamamos "orgullo centolo".

Noraboa a todos e todas os que onte fixéchedes coa vosa actitude esta peña máis grande e a todos aqueles que nalgún intre vestiron esta camisola. Grazas equipo.





25 de ago. de 2014

R.C. Celta de Vigo 3 - 1 Getafe C.F.

Foto: Marta G. Brea (Faro de Vigo)
Chegou o primeiro encontro da liga 2014/2015 e con el chegou a primeira victoria no vello Balaídos. Os de Berizzo venceron por tres goles a un ó Getafe C.F. nun encontro vibrante no que foi decisivo o bo fútbol do equipo celeste.

O Celta foi un equipo loitador, ben plantado no campo, e cunha idea clara de xogo. Presión, posesión, toque e solidaridade foron unha constante nun equipo, o vigués, que pasou por riba do madrileño no vello Balaídos.

En Centolos Celestes quixemos comezar ben a tempada e organizamos unha xornada celeste dende as 12:00 horas da mañá, hora de comezo da "sesión vermouth" ata as 23:00 horas, hora de finalización do partido, para familiarizar ós novos membros coas tradicións da peña.

O xantar no Serodio foi tranquilo esta vez, sen as prisas de outras ocasións, e aproveitamos para afinar as gorxas de cara ó encontro da noite. E abofé que se afinaron, xa que na bancada a "centolada" non parou de apoiar ós seus dende o primeiro ata o derradeiro minuto de xogo. Bo comezo o do domingo, dunha tempada chamada a ser a da ilusión do celtismo.