5 de maio de 2014

C.D. Osasuna 0 - 2 R.C. Celta de Vigo

Bo ambiente polas rúas de Iruña.
A pasada fin de semana, a Peña Celtista Centolos Celestes xunto cos compañeiros e amigos de Irmandiños1923, organizaron a viaxe a Pamplona, para presenciar o partido do noso Celta, ante o C.D. Osasuna.

O autobús fletado polas dúas peñas partiu da bancada de Río en plenas festas da xuventude, o que foi un bo presaxio do que ó final aconteceu en terras navarras.

Ademáis de Irmandiños, os compañeiros de outras peñas como Siareiros Dezaos, Dani Abalo, Comando Celta e da mítica peña de Canido nos acompañaron nesta incrible viaxe a Iruña, a través da noite da meseta, nunhas non tan longas 10 horas de traxecto. 
Ambientazo no bus Centolo - Irmandiño.

Pasaron as horas de bus e con elas a noite, e xa ó redor das 12:00 horas do mediodía chegaba a expedición celtista ó noso particular hotel de concentración. Ducha e a seguir de festa.

Tocaba vivir unha previa en condicións, tocaba barrio vello, rúas estreitas, bares e xentes, tocaba vivir o máis bonito desta tolemia chamada celtismo.

Eliximos a Rúa Estafeta polo significativo da mesma, e descubrimos que o sábado era o día das peñas do Osasuna, cun gran número de charangas e grupos de animación. Bailes, bailes  e máis bailes, nun peregrinar lento pero lúdico cara o estadio do Sadar (Reyno de Navarra) na compaña tanto de compañeiros celtistas coma de vermellóns.

A bancada visitante no estadio do Sadar.
Co partido chegou a ledicia polo gran xogo e polo merecido resultado, que facía xustiza e pechaba unha permanencia doce e tranquila, baseada no bo xogo e na aposta decidida pola canteira celeste.

Unha vez no estadio tamén tivemos coñecemento dos episodios violentos acaecidos antes do comezo do encontro, que por fortuna non vivimos, pero que empañaron o fin da xornada na capital navarra. 

Coma broche, a viaxe de volta, xa o domingo, que foi de todo menos tranquila e calmada. Festón, permanencia e unha viaxe, a segunda da tempada, para lembrar sempre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.