1 de xuño de 2015

Centolos Celestes, outro ano máis "celteando"

A instantánea do broche da tempada
Este pasado sábado 23 rematou a tempada celeste 2014/2015 e podemos dicir que tamén a centola. Agora un par de meses de vacacións, para voltar con forzas a finais de xullo, coa posible presenza dos amarelos en Baiona, no campo do Aral, no coñecido Memorial Xaime Vilar, organizado polos compañeiros de Arribada Celeste.

Cun partido ás 18.30 horas no Vello Balaídos -xa era sen tempo de tanto horario de curuxas-, había que organizar o derradeiro evento gastronómico da tempada, coloquialmente coñecido como a comida de turno. Case unha trintena de comensais se citaron no Serodio para quecer motores para a previa-desenlace. Acompañáronnos algúns membros de Siareiros Dezaos -repetirán para a vindeira tempada, estou seguro-. Javi Vaz, arrincouse con outro monólogo dos seus na sobremesa, baixo o lema "comendo á beira de Pepón, hai máis de un caghallón". O home de Vía TV pasoulle a patata quente ó pobre tesoreiro, que a proba de tal "sarao", así se mostrou como voceiro centolo do malestar co Barça durminte e condescendente co Coruña, xa entrada a noite.

Co cal, o partido que realmente se xogaba, estaba a máis de 1000 kilómetros. Desfrutamos in-situ das despedidas do mago danés, e de Oubiña coa súa merecida homenaxe. Non faltaron as tres últimas revolcadas centolas en Marcador Impar -trinta montoeiras na recóndita bancada ó longo da tempada, que a case máis de un lle acontece un disgusto, se non é pola amortiguación do briol-. O día afeouse coa baixada de pantalóns culé. Mirémolo polo lado bo, teremos #ONosoDerbi, alomenos en dúas ocasións máis, no vindeiro curso.
#ONosoDerbi de Balaídos

No tocante ó resumo deportivo da peña, foi un gran ano. Abriuse peteiro co habitual Memorial baionés, cun equipo de circunstancias, condicionado pola data na que se celebra. Comezou ben cunha goleada ante os locais (2-5), pero a derrota pola mínima ante Comando e o repaso recibido polo combinado de Yoel (1-4), remataron coa pasaxe centola na fase de grupos.

O seguinte envite, quedará marcado para a historia das peñas, xa que rubricamos o noso nome como os primeiros vencedores dun torneo Indoor celeste, noqueando a Irmandiños e Comando nunha novedosa semifinal triangular e impóndonos nos penaltis a Peladores Celestes, logo dunha batalla balompédica con empate a nove ante rapaces bastante talentosos. O anual torneo das peñas, foi de gran resultado, xa que tras colleitar o liderado dos grupos na primeira e segunda fase -engadir que de xeito invicto e imbatido no grupo da fase final-. Terceiros clasificados, pola derrota menos abultada nas semifinais, resolta cun solitario gol coa néboa aveciñándose pola Madroa.
Despiporre en Bembrive tras acadar o indoor

Non foi unha tempada de organizar moitos desprazamentos co equipo. Acodimos en outubro ó novo San Mamés para desfrutar dun dos mellores estadios do continente e co ambiente tan armonioso que alberga o feudo biscaíño en cada visita céltica e vaia se vibrou a bancada de Tribuna onde se acollen ás afeccións visitantes. A outra -despois de loitar moito cos pertinentes organismos para realizala-, foi á sempre hostil terra herculina. Un 0-2 maxistral, que calou ós que nos encaran coas súas seis copiñas.

Cea-aniversario co noso cibernético soviético, Sergey Klepalov, como convidado estrela, pola súa peculiar idiosincrasia. O "bautizo" do mentado monologuista, Javi Vaz. E algún achegado que se quixo tirar pola fiestra do Hesperia, no apartado anecdótico. Xa non digamos a "movida" asemblea anual co espírito de Jose Cuervo impugnando as pertinentes votacións de acordo/desacordo.

Respecto ás habituais comidas-previas, abrimos conta no partido inaugural da nosa liga ante o Xetafe, entoando cánticos e máis cánticos ante a perplexidade dos últimos en subirse ó carro. A seguinte foi ante a Real Sociedade, con txuri-urdins nacionalizados centolos. Picoteada nos intres antes do Celta-Granada, coa boa nova comunicada (cavilade nestes días).  Unha das citas de almorzo menos concorridas, foi ante o Valencia a primeiros de ano, non chegando ós dez animosos. Non foron moitas xuntanzas, de ahí a botar máis de catro meses ata a deste pasado sábado 23, onde se deu o todo polo todo para pechar outro espectacular ano máis.

Por Hugo Estévez Cividanes



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.