21 de maio de 2014

Tempada 2013 - 2014: Despedida e peche.

Imaxen do derradeiro partido de da liga 2013-2014 no vello Balaídos.
Botamos o telón da liga unha tempada máis, e xa van sete, dende o fondo da Ría. Como xa vos teño dito, esta tempada 2013-2014 foi unha tempada para lembrar, tanto no deportivo coma no social ou peñístico. 
Un Celta que foi de menos a máis e que un ano despóis dunha milagreira e excitante permanencia consolídase na primeira división do fútbol nacional. 


Unha tempada onde o vello Balaídos viviu menos victorias das agardadas e a permanencia cimentouse máis fora que na propia casa, con bo xogo do noso equipo e cun teito histórico tanto en número de socios coma en número de espectadores asistentes a cada encontro.

Unha das elaboradisimas ilustracións de Pablo Rosendo.
Pola parte que ten que ver coa vida interior, coa nosa vida coma peña, foi un ano moi especial. Dende xullo a maio a actividade foi incesante en Centolos Celestes, e serviu para unir e integrar a peña a redor dunha idea clave, pasalo ben ó carón do Real Clube Celta de Vigo. 

E abofé que o conseguimos, xa que a xulgar pola imaxes que resumen esta tempada, cada partido, fose victoria ou derrota estivo acompañado por algo máis, por algo diferente que o fixo mellor, a vosa actitude, as vosas gañas de disfrutar cada encontro, a vosa entrega diaria, a vosa maneira de entender Centolos Celestes. Este ano o obxetivo era ese, a unión e o disfrute de todos, iso sí, sen afastarse da seriedade administrativa que caracterizou a esta peña dende o se inicio. 

As camisolas de 1923 e 1924.
Continuamos coa defensa dun estadio novo para o Celta, acorde coas necesidades actuais e, sobre todo, que sexa seguro para todos nós. Acudimos ó Concello de Vigo e presentamos un escrito na Xerencia de Urbanismo que foi un exemplo de actuación para todos os que fixeron o mesmo posteriormente. Cando se trata da seguridade dos nosos fumos contuntentes, e o seguiremos sendo.

No verán o Celta cumpría 90 anos e tras o desprazamento a Oporto decidimos celebralo por todo o alto, facendo unha representación teatral entre os membros da peña para escenificar aqueles días de 1923 onde se fundou, pola fusión do Vigo Sporting e do Fortuna, o Real Club Celta de Vigo. D. Manuel Bárcena de Andrés, Manuel de Castro "Handicap" e moitos afeccioados estiveron presentes no café "Años Veinte" nunha xornada onde se presentaron as camisolas do aniversario, dúas réplicas das que vestiron o primeiro (1923) e o segundo plantel (1924) do Real Club Celta de Vigo.

Estas camisolas foron, e siguen sendo, un éxito de vendas e xunto co resto do material constituiron unha base económica moi importante para afrontar toda a tempada. Cuarta edición, cuarta tirada xa dende setembro. 

As sudadeiras esgotáronse e tivemos que facer un novo pedido, que se continúa vendendo a bo ritmo. As bufandas, a roupa interior, os polos e, coma non, as saias Centolas. Esta tempada o ritmo de vendas do noso material foi frenético, pero o máis satisfactorio foi ver que o seu uso tamén foi habitual entre todos os que formamos esta peña.

Recuperamos as viaxes, e tanto San Sebastián como Pamplona foron dúas grandes experiencias viaxeiras, en diferentes épocas e con diferentes resultados pero preciosos viaxes ambos. A forma de viaxar Centola, buses festeiros e previas en interacción coa afección local, sigue sendo algo do que sentirse moi orgulloso. O Celta nunca camiñará só.

De festa polas rúas de Pamplona.
Fixemos deporte, xogamos ó fútbol. Dende o memorial Jaime vilar Estévez de Baiona ata o Campionato da Federación de Peñas pasando pola primeira pachanga Centola o fútbol tamén estivo presente na vida da peña dende o comezo da tempada. Iso sí, a cada pachanga, un xantar, unha papada e coma non, unha festa.

Porque ese foi outro dos elementos destacados este ano, os xantares e as xuntanzas. Sanatorio do Alba, Outeiro, Novo París e Serodio comandaron os 11 xantares que se organizaron este ano e que constituiron un record histórico en Centolos Celestes.

Como cada ano, fixemos lotería e carnets, que este ano foron deseñados por vós, estreamos unha nova pancarta e un ano máis agasallamos ós novos pais e nais da peña. Esta tempada, as seccións "Master" e "Morrazo" acapararon os nacementos na peña nun ano con moita, moitísima vida. 

Non podemos esquecernos de que, por fin, inauguramos a sección en Valga, cun xantar cos nosos amigos do norte da provincia. Un feito que nos enche de ledicia.
Reconquistamos a vila de Vigo, percorrendo as rúas do casco vello e as que separaba éste do vello Balaídos, camiñando a golpe de gaita, bombo e caixa por unha vitoria que pechara a salvación do noso equipo. Noutra ocasión tiveron que botarnos das bancadas, unha xornada na que quedamos sós empurrando dende a bancada de Marcador. 

Centolos nun recibimento desta tempada.
 Chegou a celebración do noso séptimo aniversario, abraiados pola velocidade coa que pasa o tempo, e demostrámonos co mundial de peñas de #BalaídosUniversal que somos capaces de movilizarnos coma ninguén, e que tamén se pode gañar unha tanda de penaltis en saias diante de todo Balaídos.

En fin, unha tempada moi grande, que rematamos en festa, gañando ó Real Madrid e clasificados coma os novenos da primeira división española. Repasando o escrito e lembrando todo o vivido dende agosto ata maio, só podemos agradecervos a todos a vosa actitude, as vosas gañas e a vosa forza Celtista. 

Agradecervos dende a axuda na organización dos xantares, os actores do teatrillo, os buses e ata os que cada partido, berrades dende a curva, subides pancartas, colledes bandeiras, axudades co alugueiro de carnets, vestides moda centola, ou simplemente estades ahí, connosco. 

A todos vós, grazas! Grazas por esta tempada, que foi a vosa tempada, e que se convertiu no mellor ano da historia de Centolos Celestes.

Mozos e mozas, voltamos ó fondo da Ría ata finais de agosto. Disfrutade do verán.


12 de maio de 2014

R.C. Celta de Vigo 2 - 0 Real Madrid C.F.

Imaxe da curva centola na bancada de Marcador. Foto: facebook.
Festa rachada en Balaídos a de este domingo día 11 de maio trala vitoria do noso Real Clube Celta de Vigo ante o todopoderoso Real Madrid por dous tantos a cero.

Moito máis aló dun gran partido, o domingo vivimos unha xornada completa de celebración dende as 12:00 horas do mediodía ata as 03:00 da mañá do día seguinte.

Xogábase no vello Balaídos o derradeiro partido desta tempada do Celta como local, por si non fora pouco, ante un dos candidatos a gañar ó título de liga, o Real Madrid, e tras confirmarse a matemática presenza do noso equipo a vindeira tempada na primeira división. De feito, o equipo celeste acada a falta dunha xornada o oitavo posto, algo inimaxinable alá pola primeira volta.

A Centolada durante o encontro. Foto: Centolos.
Comezaba cedo a chegar xente á explanda de Balaídos, preparada para acoller a festa do celtismo en que se convertiu a xornada de onte. Hinchables, postos de comida e bebida, talleres de pintura, música, e moito celtismo encheron os aledaños do coliseo vigués durante un gran número de horas.

En Centolos Celestes tiñamos preparadas varias cousiñas para este sinalado partido. Para comezar, como xa é habitual, unha sesión vermouth no tribuna baixo un máis que apetecible sol.

Posteriormente acercámonos ó Serodio para facer o undécimo xantar da tempada, calquera o diría, e aproveitamos para quentar motores de cara ó partido que nos agardaba ás 19:00 horas no vello Balaídos. Ademáis, e ante os rumores respecto ó estado do municipal vigués subimos a pancarta de "Perigo desprendementos. Campo Novo Xa..." Á vez e xunto co resto das peñas colaboramos na elaboración doutra pancarta que rezaba: "Grazas equipo"

Unha vez dentro do estadio só quedaba desfrutar, e así foi, xa que o Celta acadou unha ampla e xusta victoria. Ó remate do encontro, a orquestra "Panorama" animou a festa ata ben entrada a madrugada.


5 de maio de 2014

¿Ata que morra alguén?

Foto do Informe Centolo, ano 2007.
A foto que acompaña a esta entrada é unha foto pertencente ó "Informe Centolo I", realizado por esta peña no ano 2007 e que denunciaba o lamentable estado de conservación do vello municipal vigués.

Este domingo, nesa mesma zona, baixo ese mesmo lugar, un mozo de 27 anos foi alcanzado por un cachote que se desprendeu do estadio, quedando incosciente e tendo que ser atendido polas heridas sufridas.

No mes de novembro do pasado ano 2013, unha delegación de Centolos Celestes entregou na Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo un escrito solicitando información sobre o estado do vello coliseo vigués, preocupados pola seguridade dos nosos socios ante os continuos desprendementos que se veñen producindo en Balaídos nos últimos anos.

Basta xa de remendos, o tema do vello Balaídos é unha cuestión de seguridade, no recinto municipal con maior capacidade e en peor estado. 

Teñen caido tantas "promesas políticas" coma "cascotes" no vetusto estadio vigués.

C.D. Osasuna 0 - 2 R.C. Celta de Vigo

Bo ambiente polas rúas de Iruña.
A pasada fin de semana, a Peña Celtista Centolos Celestes xunto cos compañeiros e amigos de Irmandiños1923, organizaron a viaxe a Pamplona, para presenciar o partido do noso Celta, ante o C.D. Osasuna.

O autobús fletado polas dúas peñas partiu da bancada de Río en plenas festas da xuventude, o que foi un bo presaxio do que ó final aconteceu en terras navarras.

Ademáis de Irmandiños, os compañeiros de outras peñas como Siareiros Dezaos, Dani Abalo, Comando Celta e da mítica peña de Canido nos acompañaron nesta incrible viaxe a Iruña, a través da noite da meseta, nunhas non tan longas 10 horas de traxecto. 
Ambientazo no bus Centolo - Irmandiño.

Pasaron as horas de bus e con elas a noite, e xa ó redor das 12:00 horas do mediodía chegaba a expedición celtista ó noso particular hotel de concentración. Ducha e a seguir de festa.

Tocaba vivir unha previa en condicións, tocaba barrio vello, rúas estreitas, bares e xentes, tocaba vivir o máis bonito desta tolemia chamada celtismo.

Eliximos a Rúa Estafeta polo significativo da mesma, e descubrimos que o sábado era o día das peñas do Osasuna, cun gran número de charangas e grupos de animación. Bailes, bailes  e máis bailes, nun peregrinar lento pero lúdico cara o estadio do Sadar (Reyno de Navarra) na compaña tanto de compañeiros celtistas coma de vermellóns.

A bancada visitante no estadio do Sadar.
Co partido chegou a ledicia polo gran xogo e polo merecido resultado, que facía xustiza e pechaba unha permanencia doce e tranquila, baseada no bo xogo e na aposta decidida pola canteira celeste.

Unha vez no estadio tamén tivemos coñecemento dos episodios violentos acaecidos antes do comezo do encontro, que por fortuna non vivimos, pero que empañaron o fin da xornada na capital navarra. 

Coma broche, a viaxe de volta, xa o domingo, que foi de todo menos tranquila e calmada. Festón, permanencia e unha viaxe, a segunda da tempada, para lembrar sempre.

29 de abr. de 2014

RC Celta de Vigo - Real Valladolid CF

Os lanzadores de Centolos. (Facebook Preferencia Celeste)
Gran día, unha vez máis esta tempada, o vivido este luns no vello municipal de Balaídos. O Real Club Celta de Vigo gañou con claridade o Real Valladolid por 4-1, acadando os ansiados 43 puntos que, si non é dun xeito matemático, sí dunha maneira virtual danlle ó equipo vigués a permanencia na primeira división.

Unha vez máis o Celtismo deuse cita no vello municipal dun xeito abrumador, chegando balaídos ós 17.106 espectadores un luns ás 22:00 hrs.

Aínda que non sexa noticia, hai que escribir en letras de ouro a implicación da afección e a gran afluencia durante toda a tempada, a un estadio que non da comodidade algunha os sus habituais pobladores.

Pero para os Centolos e as Centolas onte a noite tivo unha cor especial. Esta pasada fin de semana participamos no I Mundial #BalaídosUniversal A Peña Celtista Centolos Celestes clasificouse para a final na tarde do domingo mediante votación a través de “favoritos” dunha foto propia no Twitter.

Yago Prieto, en plena acción. (Facebook Preferencia Celeste)
Onte, no descanso do partido enfrentámonos cos amigos de Irmandiños1923, cun bo porteiro de Preferencia Celeste baixo os paos, nunha tanda de penalties, na que a sorte estivo do noso lado e coa que nos proclamamos campións do 1º Campionato Mundial de Peñas #BalaídosUniversal !

O ano do 90 aniversario do Real Club Celta de Vigo, as camisolas de 1923 e de 1924 de Centolos

Celestes luciron máis que nunca sobre o céspede de Balaídos da mán dos nosos xogadores, que ademáis lanzaron os penalties coas saias centolas, uns cracks!!!

Estes foron os nosos particulares heróes:

- O “correcamiños” do Morrazo, MARCOS SOBRINO.
- A locomotora guardesa, o “bombeiro” HUGO ESTÉVEZ.
- O descaro de YAGO “filigranas ziguich” PRIETO.


Equipo e afección de Centolos Celestes. Os lanzadores coas saias e as camisolas de 1923 e 1924. (Facebook Pref.Celeste)
Grazas a todos por facer da de onte, unha vez máis, unha gran noite !!

17 de abr. de 2014

Cea VII Aniversario de Centolos Celestes

Tarta do 7º Aniversario. "Los postres de Mely"
Tremendisimo festón o vivido o pasado sádado día 12 de abril no "Sanatorio do Alba" con motivo da festa do VII Aniversario de Centolos Celestes.

Foi un día compreto para tódolos membros da peña xa que dende a sesión vermouth das 12:00 ata o fin de festa, alá polas 04:00 da mañá, o sábado deu para moito con todo un intenso partido entre o RC Celta de Vigo e a Real Sociedade polo medio.

O punto rescatado no vello Balaídos, nos últimos instantes e cun xogador menos grazas o gol de Santi Mina, serviu para expolear á centolada de cara a noite do seu aniversario.

Unha noite para lembrar.
A cita era no restaurante "Sanatorio do Alba" e o plan era o seguinte. Comezamos ceando copiosamente, dende polbo e calamares ata churrasco. Tras un breve discurso, tocou sorteo.

Un sorteo cheo de productos "Celta", material da marca alemana "Adidas" e coma non tamén productos propios da peña. Ó rematar o sorteo presentamos o polo de verán de Centolos Celestes.

Tras os agasallos e as sorpresas, era o momento de DJ Isaac, e bueno, a partir de aquí cada que foi un pouco á sua bola. A noite e festa, en fin, a Centolada disfrutou dunha xornada para lembrar.

Os novos polos.
Queremos agradecer tamén a presenza dos membros de outras peñas amigas que non se quixeron perder unha noite de celtismo e unidade connosco. Grazas.

Xa van sete añidos, dando guerra dende o fondo da Ría de Vigo. Grazas a todos por facelo posible.

Peña Celtista Centolos Celestes de Vigo - Fundada en 2007

Se queredes botarlle un ollo á reportaxe fotográfica enteira da cea, realizada pola nosa compañeira Carla Ferraz, non dubidedes en premer aqui:  https://www.facebook.com/centoloscelestes





31 de mar. de 2014

Reconquista, aniversario e vitoria !!!

Inicio da camiñata, nas proximidades de Alfonso XII.
Tremenda xornada a vivida esta fin de semana, en especial o sábado día 29 de marzo, tanto polo Celtismo en xeral coma polos que formamos Centolos Celestes en particular. Explicámonos.

O venres día 28, ademáis de ser o día da Reconquista de Vigo, no fondo da Ría celebrábamos o noso septimo ano de vida, polo que toda a fin de semana tivo unha cor especial para nós.

A fin de semana comezaba no Casco Vello de Vigo da man dos amigos da "Peña Freixo Rock" que montaban un posto na Ribeira do Berbés e que amenizaron, a ritmo de gaita e percusión, a xornada do venres, día da fundación de esta nosa peña.

Camiñata previa dende o Berbés ata a Porta do Sol.
Viños, sangrías e "chouripans" despóis, o sábado amencía cunha quedada que pretendía unir os dous puntos quentes da cidade, Casco Vello e Balaídos. E así foi.

Cun tremendo ambiente festivo subimos dende o Berbés pola Rúa Real dirección Porta do Sol, e unha vez coincidimos co resto de compañeiros na céntrica praza, saímos dirección Balaídos cun só pensamento, cunha soa idea na nosa testa:
A vitoria ante o Sevilla C.F. !!!

Os centos de Celtistas que nos congregamos na marcha cara Balaídos apuramos o paso e chegamos más cedo que tarde ós aledaños do vello municipal vigués. Unha vez máis, unha boa iniciativa e un espíritu de unidade en torno o equipo celeste fixeron posible que o Celtismo voltara a sorprender.

Imaxe da bancada de Marcador o sábado.
Na bancada tocou o de tódolos partidos: Sufrir e berrar. Por primeira vez na curva centola unha gaita, unha caixa e dous bombos subiron ás bacadas e fixeron tronar ó municipal vigués.

Cando xa case non tiñamos esperanzas, cando xa morría o partido un xenial Mario Bermejo e un efectivo Nolito dábannos a victoria nos derradeiros compases do encontro.

O delirio foi total, e a festa comezóu nese mesmo minuto e se prolongou, coma non podía ser de outro xeito ata ben entrada a madrugada no Casco Vello.

Por outra xornada igual, por outra reconquista, por outra vitoria  do Celta, por outros sete anos xuntos...