6 de abr. de 2015

RC Celta 0 - FC Barcelona 1 (un exitoso corteo, sen final celeste feliz)

Cabeceira da nosa procesión co lema "Tebas Vaite Xa"

Solleiro domingo de resurrección en Vigo e o celtismo tiña a súa particular procesión co mandamáis da LFP, Javier Tebas, erixido nos palios das diferentes peñas celtistas integrantes do corteo deseñado por Celtarras na previa do encontro ante o "avasallador" e "imperialista" Fútbol Clube Barcelona.


Fartos dos horarios para curuxas e lechuzas -co que os máis cativos non poden acudir ó noso templo a seguir ó seu equipo-, sometidos ós exhaustivos controis para o acceso ó campo dos elementos de animación (bandeiras e instrumentos de percusión), recurte dos paos das bandeirolas ata o metro e medio, suxeitos á prohibición de exhibir distintivos celtistas e galegos nos desprazamentos e para máis inri na nosa propia casa, e sobre todo a carallada dos cánticos "incorrectos" e a inclusión nun libro rexistro de control para a ¿seguridade?. Todo iso, xerado polo acaecido na beira do Manzanares o pasado 30 de novembro. Desmesurado, ilóxico, irritante, non sabemos xa como calificar o panorama que creou este home coas súas absurdas medidas.

Lume de viqueira coas bandeirolas
Co cal, tocou afrontar a tarefa coa idea ben clariña "se non queres caldo Javier, sete cuncas" e alí arrincamos dende os aledaños do estadio municipal, engalanados coas nosas particulares bandeirolas de maiores dimensións. Entre eles, membros de Celtarras, Irmandiños, Comando, Siareiros Dezaos, Preferencia Celeste, Colectivo Nós e Centolos, entre outros afeccionados indignados coa actual situación do chamado fútbol moderno. A cousa estaba programada para as 18.30 horas do caluroso serán, pero por mor da espera a que máis afeccionados locais se unisen á "caravana", retrasouse ata as 19 horas. Houbo unha afluencia importante de participantes, nos que xuntos partimos dende Praza América pola rúa Fragoso, por onde non se nos deixou de ouvir o "Tebas vaite xa" e outros cánticos máis fortes adicados a dita persoaxe revolucionada; sen quedar sen lembrarnos dos veciños do norte nun par de ocasións, nin do rival do encontro posterior.

Sen darlle pausa ó balbordo e cun lento discorrer pola céntrica rúa olívica, chegamos ás 20 horas a Balaídos, para quentar motores nos nosos particulares puntos de encontro, antes da entrada ó campo en masa, acordada para media hora antes do partido. Engadamos tamén que, a marcha foi pacífica e escoltada por organismos policiais en todo momento, sen ningún tipo de incidencia.

Moi valente saiu o noso Celta ó céspede, sen deixarse intimidar pola gran entidade do rival e o seu evidente bo estado de forma arbitral, que asoma cando as cousas se lle torcen, ó ser un dos maioristas deste negocio. Fiel ó propio estilo, comezouse a despregar o noso fútbol sen temor, exhibindo a inesgotable presión sobre o rival. Gran primeira parte, que poido rematar con vantaxe celeste, se o colexiado decreta un penalti cometido polo chileno Claudio Bravo sobre Nolito e se Larrivey houbese rematado mellor en boca de gol, unha clarísima ocasión.

Tempo de lecer, máis ilusionados ca nunca, pensando en derrocar ó Barcelona, pero na segunda metade faltou osíxeno nos locais e a presión sobre os culés íase esvaecendo pouco a pouco. O Barça, que apenas habíase achegado ó área do Gato de Catoira nos primeiros 45 minutos, comezaba a ter as súas opcións de gol. Dani Alves poido adiantar ós seus, pero rematou desastrosamente mal con todo ó seu favor. O choque deu un xiro (esperado) coa entrada dun asubiado Xavi Hernández ó campo. Moito control dende entón, e nunha discutida falta no flanco esquerdo do ataque blaugrana, chegaría o único gol do encontro, nun despiste defensivo de Fontás, que aproveita Mathieu para colalo pola escadra, sen case ángulo. A partir de ahí, moi compricado era o envite da igualada. Tívoa Charles, pero Piqué andivo rapidísimo ó corte. A menos de 5 minutos para a conclusión, estoupou Orellana, ante o vacile dun Sergi Busquets, que cada vez van querendo metelo no cortello en máis campos ós que acode. O seu xa supera a provocación compulsiva hai tempo. Estivo mal o do chileno, porque os seus detractores cóntannos que "xa chove sobre mollado", pero o do catalán "xa é granizar sobre neve". Orellana, desculpouse polo acontecido; co outro, faríamos un libro coas súas leccións de anti-fútbol. As cousas como son. 


Fartos tamén dos porcalláns que veñen a mofarse de nós

Gran día de celtismo en comunidade. Alentando ós nosos incesantemente nun encontro máis. Mágoa da derrota, onde non a mereciamos así, inducida polo desparellado criterio arbitral do novato Vicandi Garrido. E o máis importante, deixándonos escoitar con verbas nos prolegómenos, para agardar alomenos "manipulación, sen represión".

Por Hugo Estévez Cividanes

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.