28 de abr. de 2015

Un ruso, un portento da verborrea e outro roubo do Madrid no VIII aniversario de Centolos

Vaz nos seus minutos de gloria

Este pasado sábado 25 de abril, conmemoramos no Hotel Hesperia, sito na céntrica rúa viguesa de Florida, a oitava onomástica da nosa peña, Centolos Celestes. Case dous meses despois da súa primeira data asinada, ó fin conseguimos realizar dita celebración. Principalmente por aquel troco de horario no partido ante o Athletic, que nos rompeu os esquemas a todos e privou a moitos de asistir na pasada fin de semana ó evento. Noutros sábados foi imposible intentar cadrar o cumpreanos do colectivo crustáceo, por mor do idilio actual entre Mediaset e o Celta e outras festividades populares. Xunto coa masa centola, acompañáronnos compañeiros das peñas Canteira Celeste, Natxo Insa, Preferencia Celeste e en maior grao, Siareiros Dezaos.

Logo dunha copiosa e variada cea, co seu regadío pertinente de viño e cervexa (entre outros), comezou o habitual protocolo nestas lides. Discursiño do cabeza visible da peña, facendo valoración ó treito que viña dende o sétimo aniversario (proxectándose nunha presentación), proseguido para sorpresa de moitos polo "debutante" portento da verborrea, que non se vira noutra así. Pois sí, señor Vaz, abraiados nos quedamos co teu improvisado monólogo. Os asistentes non cesaron de rir en toda a súa actuación. Segundas partes, sí que prometen.

Non quedou a oratoria aí, e tomou o testigo microfónico, o noso bohémio da estepa. Popularmente coñecido polo entorno centolo coma Sergey Klepalov. Era evidente, que a súa pouca fluidez co castelán (xa non lle pedimos que se inicie coa lingua do pobo), lle custase meter no peto ós asistentes como fixo o seu predecesor. Intercambio de sorpresas, na que se conseguiu a fascinación popular cun produto de lanzamento para a centolada nun futuro... non tan cálido, alomenos (ese gorriño oriúndo das terras xeadas). O de levar a botella de vozka á Coruña como nos suxería o nosos amigo ruso, igual queda en auga de bacallao, se se cumpre a cantarola popular nacida o verán pasado, que reza "subir, pa' volver a bajar"

Engadamos tamén que quedou a sección rusa inaugurada (a máis escasa de membros, obviamente). Está o rapaz a traballar para que vaia medrando pouco a pouco, veremos se adoita unha nova motivación coa bandeira tricolor do seu lar coa que se lle engalanou. Tralas verbas de agradecemento a diferentes membros de Centolos, nas que se lles recoñeceu tanto labor, coma compromiso coas súas "cores", dos tres interpretadores; deu paso o habitual sorteo, este ano cunha alta probabilidade de ser agasallados os asistentes (numerosos artículos do Celta, da peña e outros máis desexados). 

Xa no epílogo da festa, música alternativa con algún DJ improvisado e sesión de bailoteo. Prolongouse o evento ata case as catro da madrugada no lugar da celebración. Pode que se estivese no mellor, pero a noite era xove e moitos continuárona noutros puntos da cidade, a pesar da choiva.

A centolada na súa salsa habitual no templo
Tocaba o encontro ante o Madrid o domingo. Moitos sabiamos de que se podía cocer o roubo -co Madrid enzarzado na loita por unha liga, chea de corruptela e con só dous pretendentes-. E así foi. Pérez Montero fíxose o loupas (máis que agardable) cun derribo de Toni Kross a Fabián Orellana e cun agarrón de camisola moi palpable de Dani Carvajal ó rompecadeiras Nolito. Nembargantes, a data será lembrada pola maneira de xogarlle o Celtiña de ti a ti ó Real Madrid, o que non quita que te rematen fusilando coa pegada que lles caracteriza (6 achegamentos e 4 goles, así se resume). Moi grande o equipo en xeral. O "Negro" Augusto sacando o balón xogado. Encomiable a rotura de cadeira de Nolito a Carvajal e Varane, no tanto inicial que levaba a loucura ás bancadas. Así como a potencia e garra do tranvía de Matamá, entre outras salientabilidades.

Sacou petróleo o Madrid para remontar en dúas baixas de garda dos zagueiros celestes. Empatou Santi Mina ó pouco nun bo servicio de Orellana, levando de novo a tolemia ós afeccionados. A pouco do descanso, a fortuna sorriu ó "grande" co gol de James, tras unha perda de balón local. E na segunda metade, foi clave a polémica citada, (que ben podía significar un punto) e que tralo continuo desencanto do celtismo e do mundo do fútbol en xeral (agás o madridista, claro), deu paso á sorna local co de "otra, otra" en cada falta a favor do Madrid. Pel de galiña tamén ca retranca con Cristiano, no que o estadio foi un clamor ó unísono. Non se atoparon habituais acenos de queixa no luso (buscado de sempre polos flashes), que estivo moi ausente o domingo.

Iso en tanto ó partido, respecto a animación sobresaínte en xeral, unha vez máis. E tamén en particular, xa que non tódolos días se cumpren oito anos e demostramos o mellor que sabemos facer: deixar a gorxa no campo. Vale, e render na previa, que se me esquecía (unha virtude para moitos). ¡Noraboa, centolada! Camiñemos xuntos cara os nove anos.

Por Hugo Estévez Cividanes

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.