9 de set. de 2015

Novos folgos na centolada

Gorxas novas relegando ó presi á segunda fileira
O pasado sábado 29 de agosto, daba comezo a tempada centola, na súa mini-sección de "macro-previas". Anteriormente, o domingo 23 do devandito mes xa houbera unha pequena quedada por mor da estrea ligueira do Celta no Ciutat de Valencia, nun encontro que se desputaba á última hora da tarde, tamén coa escusa de comezar coa campaña de altas e renovacións da agrupación centola. O punto de encontro, un clásico xa coñecido polos membros da peña, o Serodio, sito nunha das rúas transversais entre as avenidas de Castelao e Florida.

En dito establecemento, proseguiuse co preceptivo procedemento da recolleita de aboados do combinado de Marcador Impar (a peche de edición xa se encamiña cara o importante centear de membros), amenizado cuns saborosos e variados pinchos para facer máis pracenteira-se cabe- a velada, acompañados de variantes do líquido elemento, que sempre axudan para balbordear con máis folgos na bancada aupando ós nosos. Máis sendo a estrea e coa longa travesía estival sen animar ó noso Celtiña, había que comezar a por o listón, alomenos no punto co que rematamos a 2014/2015 (moi ilustrativos no espacio deportivo de Canal + de "El Día Después" en plena euforia polo que entón semellaba a virtual volta ó inferno do Coruña).

1 de ago. de 2015

Centolos Celestes, subcampións do Memorial Jaime Vilar Estévez de Baiona.

Os dous finalistas da presente edición
Como é habitual tódolos veráns, en torno á festividade do patrón de Galicia, dispútase o Memorial Jaime Vilar en Baiona, nun torneo organizado pola peña local de Arribada Celeste, coa estreita colaboración dos amigos do rapaz malogrado que lle da nome ó evento-homenaxe.

Este ano contouse coa novidade de engadirlle á gran nova da solidaridade do presente no campo do Aral, colaborando cunha ONG nunha recollida de alimentos non perecedoiros e tamén coa protectora de animais "Bai.senpulgas", noutra recolleita de colares, correas, penso, produtos de limpeza, comedeiros e demáis utensilios para cans e gatos.

1 de xuño de 2015

Centolos Celestes, outro ano máis "celteando"

A instantánea do broche da tempada
Este pasado sábado 23 rematou a tempada celeste 2014/2015 e podemos dicir que tamén a centola. Agora un par de meses de vacacións, para voltar con forzas a finais de xullo, coa posible presenza dos amarelos en Baiona, no campo do Aral, no coñecido Memorial Xaime Vilar, organizado polos compañeiros de Arribada Celeste.

Cun partido ás 18.30 horas no Vello Balaídos -xa era sen tempo de tanto horario de curuxas-, había que organizar o derradeiro evento gastronómico da tempada, coloquialmente coñecido como a comida de turno. Case unha trintena de comensais se citaron no Serodio para quecer motores para a previa-desenlace. Acompañáronnos algúns membros de Siareiros Dezaos -repetirán para a vindeira tempada, estou seguro-. Javi Vaz, arrincouse con outro monólogo dos seus na sobremesa, baixo o lema "comendo á beira de Pepón, hai máis de un caghallón". O home de Vía TV pasoulle a patata quente ó pobre tesoreiro, que a proba de tal "sarao", así se mostrou como voceiro centolo do malestar co Barça durminte e condescendente co Coruña, xa entrada a noite.

6 de maio de 2015

Centolos Celestes: Terceiros no Campionato da Federación de Peñas Celtistas 2015


Festa no vestiario amarelo tras pasar a semifinais.
O pasado venres 1 de maio, o equipo amarelo conseguiu o seu maior logro no prestixioso torneo da Federación de Peñas do Celta: o terceiro posto. É unha honra formar parte do pódium dos 24 "grupos oficiais de afeccionados" (por informalmente chamalos) que ano a ano danlle caché a esta desputa "oficial". 

Foi un longo e chuvioso día, atarefados a darlle patadas ó balón cun campo case impracticable e coa inagardable presenza da néboa do Monte Vixiador e da Madroa. Voltamos a repetir sede na segunda fase, o altío campo de Chapela. Ademáis, os dous rivais clasificados do noso grupo, as peñas Hugo Mallo e A Ría, foron tamén adversarios nesta rolda. Os cuartos en discordia foron os compañeiros de Le-chuzas Celestes, cun amigo e ex-centolo coma Javitxu na súa batuta institucional.

28 de abr. de 2015

Un ruso, un portento da verborrea e outro roubo do Madrid no VIII aniversario de Centolos

Vaz nos seus minutos de gloria

Este pasado sábado 25 de abril, conmemoramos no Hotel Hesperia, sito na céntrica rúa viguesa de Florida, a oitava onomástica da nosa peña, Centolos Celestes. Case dous meses despois da súa primeira data asinada, ó fin conseguimos realizar dita celebración. Principalmente por aquel troco de horario no partido ante o Athletic, que nos rompeu os esquemas a todos e privou a moitos de asistir na pasada fin de semana ó evento. Noutros sábados foi imposible intentar cadrar o cumpreanos do colectivo crustáceo, por mor do idilio actual entre Mediaset e o Celta e outras festividades populares. Xunto coa masa centola, acompañáronnos compañeiros das peñas Canteira Celeste, Natxo Insa, Preferencia Celeste e en maior grao, Siareiros Dezaos.

6 de abr. de 2015

RC Celta 0 - FC Barcelona 1 (un exitoso corteo, sen final celeste feliz)

Cabeceira da nosa procesión co lema "Tebas Vaite Xa"

Solleiro domingo de resurrección en Vigo e o celtismo tiña a súa particular procesión co mandamáis da LFP, Javier Tebas, erixido nos palios das diferentes peñas celtistas integrantes do corteo deseñado por Celtarras na previa do encontro ante o "avasallador" e "imperialista" Fútbol Clube Barcelona.

21 de mar. de 2015

Centolos Celestes, primeiros do grupo E da primeira fase do Torneo de Peñas 2015

Os 16 batalladores da Primeira Fase
Este venres 20 de marzo era a data fixada para a disputa da primeira fase do tradicional torneo de peñas do Celta. Normalmente tense xogado o 12 de outubro ou o 6 de decembro, pero desta volta o día elixido foi o, este ano, festivo do recibimiento primaveral.

Vintetrés peñas "atrevidas" para disputar a honra de ser a mellor da tempada, nunha fase previa onde pasarían os primeiros e os segundos de cada un dos seis grupos e os catro mellores terceiros -duplicábase a cifra de clasificados para a gran fase final a xogarse o 1 de maio-. O equipo amarelo quedou encadrado no grupo E, con sede no campo do Chapela, para enfrontarse ós compañeiros das peñas Hugo Mallo, A Ría e Colectivo Nós (debutantes estes derradeiros nun envite desta índole).