27 de dec. de 2015

Unha carta dende o fondo da Ría.

Entre todos fixémolo posible.
Os tempos son chegados. Dende o día 27 de nadal de 2015, a Peña Celtista Centolos Celestes de Vigo ten un novo Presidente, o terceiro da súa modesta historia. Polo que xa como ex-presidente, quería despedirme de todos e todas vós aproveitando para agradecervos tantos e tan bos momentos vividos na vosa compaña.

Dende a súa fundación, Centolos Celestes foi para min coma un soño feito realidade, coma un fillo que medraba e se facía máis bonito co paso dos anos. Fundar unha peña, e que o primeiro que viva coma peñista sexa un descenso non é, que digamos, o mellor comezo posible. Pero así foi, e mentres o vello municipal se valeiraba ós poucos, Centolos comezaba a medrar pasiño a pasiño. Sempre quixemos ser unha peña diferente, innovar pero respetar a nosa historia ó mesmo tempo, facer sempre algo máis, facer sempre algo diferente. E abofé que o conseguimos. Fumos os primeiros en tantas cousas, que é un orgullo botar a vista atrás para comprobar todo o conseguido, e deixar que se escape un gran sorriso.

Unha peña non é unha illa. Moita xente que non formaban parte de Centolos estivo ahí dende o principio. Todos eses homes e mulleres que forman esta gran familia Celtista. Xentes que traballaban arreo nunha ou noutra peña, amigos de aquel ou daqueloutro bar, compañeiros que escribian nun ou noutro medio de comunicación, membros da Federación de Peñas, e incluso do propio clube. Persoas que nos axudaron e nos acolleron, que nos deron pulo e cos que compartimos moitas grandes xornadas. Todo o que rodeaba ó Celta era inversamente proporcional á situación do clube, supoño que esa soidade fixo que a unión entre aqueles poucos homes e mulleres fose máis grande e pura. Pasamos a mala dor do noso clube xuntos, pero saímos adiante, entre todos.

Quero lembrarme de todos, pero sobre todo dos amigos que xa non están. Aqueles cos que compartín unha amizade, unha conversa, unha confesión, un xantar ou unha risa e que agora están empuxando ós celestes dende o propio ceo. Grazas.

É certo que teñen moita importancia as ideas, os soños, pero para conseguilo son precisas as persoas que os leven a cabo. En Centolos Celestes nunca me puiden queixar de falta de implicación. Dun xeito ou de outro, sempre tiven a fortuna de contar cun gran equipo o meu carón, na directiva sí, pero na totalidade da peña tamén. Quero agradecer a todos, tamén ós que xa non nos acompañan pero que nalgún momento formaron parte desta peña, o seu esforzo e traballo en defensa de Centolos Celestes.

Grazas a tod@s!

Recibide unha forte aperta, coma sempre, dende o fondo da Ría.

Alejandro Costas Vila.

23 de dec. de 2015

O noso derbi 2015: Diversión malia derrota.

No camiño de ida todo era optimismo.
Un ano mais, coma non podía ser doutro xeito, a Peña Celtista Centolos Celestes de Vigo estivo presente no derbi Galego.

Non foi doado desta vez, xa que os problemas para a adquisición de entradas foron tremendos. Poucas unidades á venda, todas por billeteira e todo isto aconteceu dun día para o outro. A pesar das enormes dificultades en Centolos o bus estaba practicamente cheo.

Como tamén ben sendo habitual, esta viaxe foi de balde para o membros da peña, que só tiveron que facer fronte ós 30€ da entrada.

A xornada comezou dun xeito moi Galego, cun xantar a base de cocido e viño do país, dese que mancha os beizos e quenta o corpo. Os folgos medraban e os mozos e mozas preparábanse para unha viaxe que é curta pero sempre moi intensa. Entre fume e lume, cervexas e petardos, a expedición Centola partiu puntual dende o vello Balaídos.

Coma sempre dicimos, o que pasa no autobus, queda no autobus, pero bueno, neste caso temos que citar algo importante, unha promesa que viña de lonxe, das frías terras de Rusia para quentarnos e animarnos: O noso Centolo "Sergio" agasallounos cunha botella de vozka (ritual para bebela incluido) e cun CD grabado por el mesmo con música "para a batalla de Riazor" que gustou e moito entre os presentes.

Unha vez chegados á cidade herculina, sen incidentes, a festa e a ledicia inicial foron trocando, co paso dos minutos en tristeza e desazón, por mor do xogo e do resultado do encontro. Foi un mal partido, en todos os sentidos e contra o peor rival posible. Unha derrota dura que esperamos revertir na segunda volta en Vigo.

Unha vez mais, ali estivemos, viaxando coma non, dende o fondo da Ría.

17 de out. de 2015

Centolos Celestes, na Fase Final do torneo da FdP 2015/2016

O pasado luns 12 de outubro, a nosa peña clasificouse para a Fase Final do clásico torneo das peñas do Celta 2015/2016, organizado pola Federación das mesmas, por segundo ano consecutivo. Desta volta, encadrados no grupo B, cos amigos da Louriña de Os Zoqueiros e cos camaradas de previas e viaxes das terras do Deza, Os Siareiros Dezaos

Celtismo e amizade, a nota predominante
A predisposición dos grupos da Fase Final, xa estipulada no sorteo da Fase Previa -desta volta con menos peñas asiduas do habitual, supoño que pola data prematura da xornada-, volve a encadrarnos cos veciños de bancada, o Colectivo Nós (ós que vencemos o ano pasado de xeito apurado por 3-2), vellas rencillas coa peña celtista de Arbo (bicampioa en 2013 e 2014) e a formación de nova creación, Ramallosa-Canido, que chegou coma nós ás semifinais da pasada edición.

9 de set. de 2015

Novos folgos na centolada

Gorxas novas relegando ó presi á segunda fileira
O pasado sábado 29 de agosto, daba comezo a tempada centola, na súa mini-sección de "macro-previas". Anteriormente, o domingo 23 do devandito mes xa houbera unha pequena quedada por mor da estrea ligueira do Celta no Ciutat de Valencia, nun encontro que se desputaba á última hora da tarde, tamén coa escusa de comezar coa campaña de altas e renovacións da agrupación centola. O punto de encontro, un clásico xa coñecido polos membros da peña, o Serodio, sito nunha das rúas transversais entre as avenidas de Castelao e Florida.

En dito establecemento, proseguiuse co preceptivo procedemento da recolleita de aboados do combinado de Marcador Impar (a peche de edición xa se encamiña cara o importante centear de membros), amenizado cuns saborosos e variados pinchos para facer máis pracenteira-se cabe- a velada, acompañados de variantes do líquido elemento, que sempre axudan para balbordear con máis folgos na bancada aupando ós nosos. Máis sendo a estrea e coa longa travesía estival sen animar ó noso Celtiña, había que comezar a por o listón, alomenos no punto co que rematamos a 2014/2015 (moi ilustrativos no espacio deportivo de Canal + de "El Día Después" en plena euforia polo que entón semellaba a virtual volta ó inferno do Coruña).

1 de ago. de 2015

Centolos Celestes, subcampións do Memorial Jaime Vilar Estévez de Baiona.

Os dous finalistas da presente edición
Como é habitual tódolos veráns, en torno á festividade do patrón de Galicia, dispútase o Memorial Jaime Vilar en Baiona, nun torneo organizado pola peña local de Arribada Celeste, coa estreita colaboración dos amigos do rapaz malogrado que lle da nome ó evento-homenaxe.

Este ano contouse coa novidade de engadirlle á gran nova da solidaridade do presente no campo do Aral, colaborando cunha ONG nunha recollida de alimentos non perecedoiros e tamén coa protectora de animais "Bai.senpulgas", noutra recolleita de colares, correas, penso, produtos de limpeza, comedeiros e demáis utensilios para cans e gatos.

1 de xuño de 2015

Centolos Celestes, outro ano máis "celteando"

A instantánea do broche da tempada
Este pasado sábado 23 rematou a tempada celeste 2014/2015 e podemos dicir que tamén a centola. Agora un par de meses de vacacións, para voltar con forzas a finais de xullo, coa posible presenza dos amarelos en Baiona, no campo do Aral, no coñecido Memorial Xaime Vilar, organizado polos compañeiros de Arribada Celeste.

Cun partido ás 18.30 horas no Vello Balaídos -xa era sen tempo de tanto horario de curuxas-, había que organizar o derradeiro evento gastronómico da tempada, coloquialmente coñecido como a comida de turno. Case unha trintena de comensais se citaron no Serodio para quecer motores para a previa-desenlace. Acompañáronnos algúns membros de Siareiros Dezaos -repetirán para a vindeira tempada, estou seguro-. Javi Vaz, arrincouse con outro monólogo dos seus na sobremesa, baixo o lema "comendo á beira de Pepón, hai máis de un caghallón". O home de Vía TV pasoulle a patata quente ó pobre tesoreiro, que a proba de tal "sarao", así se mostrou como voceiro centolo do malestar co Barça durminte e condescendente co Coruña, xa entrada a noite.

6 de maio de 2015

Centolos Celestes: Terceiros no Campionato da Federación de Peñas Celtistas 2015


Festa no vestiario amarelo tras pasar a semifinais.
O pasado venres 1 de maio, o equipo amarelo conseguiu o seu maior logro no prestixioso torneo da Federación de Peñas do Celta: o terceiro posto. É unha honra formar parte do pódium dos 24 "grupos oficiais de afeccionados" (por informalmente chamalos) que ano a ano danlle caché a esta desputa "oficial". 

Foi un longo e chuvioso día, atarefados a darlle patadas ó balón cun campo case impracticable e coa inagardable presenza da néboa do Monte Vixiador e da Madroa. Voltamos a repetir sede na segunda fase, o altío campo de Chapela. Ademáis, os dous rivais clasificados do noso grupo, as peñas Hugo Mallo e A Ría, foron tamén adversarios nesta rolda. Os cuartos en discordia foron os compañeiros de Le-chuzas Celestes, cun amigo e ex-centolo coma Javitxu na súa batuta institucional.

28 de abr. de 2015

Un ruso, un portento da verborrea e outro roubo do Madrid no VIII aniversario de Centolos

Vaz nos seus minutos de gloria

Este pasado sábado 25 de abril, conmemoramos no Hotel Hesperia, sito na céntrica rúa viguesa de Florida, a oitava onomástica da nosa peña, Centolos Celestes. Case dous meses despois da súa primeira data asinada, ó fin conseguimos realizar dita celebración. Principalmente por aquel troco de horario no partido ante o Athletic, que nos rompeu os esquemas a todos e privou a moitos de asistir na pasada fin de semana ó evento. Noutros sábados foi imposible intentar cadrar o cumpreanos do colectivo crustáceo, por mor do idilio actual entre Mediaset e o Celta e outras festividades populares. Xunto coa masa centola, acompañáronnos compañeiros das peñas Canteira Celeste, Natxo Insa, Preferencia Celeste e en maior grao, Siareiros Dezaos.

6 de abr. de 2015

RC Celta 0 - FC Barcelona 1 (un exitoso corteo, sen final celeste feliz)

Cabeceira da nosa procesión co lema "Tebas Vaite Xa"

Solleiro domingo de resurrección en Vigo e o celtismo tiña a súa particular procesión co mandamáis da LFP, Javier Tebas, erixido nos palios das diferentes peñas celtistas integrantes do corteo deseñado por Celtarras na previa do encontro ante o "avasallador" e "imperialista" Fútbol Clube Barcelona.

21 de mar. de 2015

Centolos Celestes, primeiros do grupo E da primeira fase do Torneo de Peñas 2015

Os 16 batalladores da Primeira Fase
Este venres 20 de marzo era a data fixada para a disputa da primeira fase do tradicional torneo de peñas do Celta. Normalmente tense xogado o 12 de outubro ou o 6 de decembro, pero desta volta o día elixido foi o, este ano, festivo do recibimiento primaveral.

Vintetrés peñas "atrevidas" para disputar a honra de ser a mellor da tempada, nunha fase previa onde pasarían os primeiros e os segundos de cada un dos seis grupos e os catro mellores terceiros -duplicábase a cifra de clasificados para a gran fase final a xogarse o 1 de maio-. O equipo amarelo quedou encadrado no grupo E, con sede no campo do Chapela, para enfrontarse ós compañeiros das peñas Hugo Mallo, A Ría e Colectivo Nós (debutantes estes derradeiros nun envite desta índole).

23 de feb. de 2015

Real Clube Deportivo da Coruña 0 - Real Clube Celta de Vigo 2 (Galiza celtista, segunda parte)

Collage da centolada da viaxe a terras herculinas



















Este pasado sábado 21 de febreiro ("de piñata" coñecido popularmente), desputábase #ONosoDerbi en terras coruñesas. Despois de case un mes de loita por parte das peñas e do celtismo para que se xestionase a venda de entradas para esa viaxe a terra hostil -a proba dos máis valentes-; pero que a ben seguro sería o ideal para tódolos afeccionados, se o escenario estivese máis calmado, tanto en incidencias, como no reglamento que rexe as liortas acaecidas tanto dentro, coma nas proximidades dos estadios.

2 de feb. de 2015

Vitoria e festa en Balaídos

Dani Román, sempre a tope co Celta.
Por fin rematou a mala racha deste noso Celta. Dez xornadas despois voltou o sorriso á faciana de todos, da man dos tan necesarios tres puntos, acadados non sen sufrimento esta fin de semana.

O Real Clube Celta de Vigo venceu por un tanto a cero ó córdoba nun intenso partido no vello municipal de Balaídos. Un gran gol de Nolito no minuto 65 puxo a guinda a un gran partido dos locais, que levaron o partido xustamente.

Xornada de chuvia e frío, xornada ás 22:00 horas e con menos público do habitual, pero xornada de fé, de loita e de traballo. Noite de unidade de equipo e afección, de ánimos e de sufrimento.

Un pasiño máis para a permanencia, un pasiño máis para adiante. A seguir así. Sempre Celta.